Ribadavia reivindica a figura de Castelao cunha estatua e unha avenida que dan a benvida á vila
RIBADAVIA

O rexedor César Fernández quixo destacar a figura do político e escritor
14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ribadavia inaugurou este mércores a avenida Castelao, antes rúa Muñoz Calero, así como unha estatua en honra ao debuxante, político e símbolo da cultura e historia de Galicia. A estatua do literato, natural de Rianxo, dá a benvida a todas as persoas que entran na capital da comarca do Ribeiro.
A decisión de incluír a figura de Castelao foi tomada de xeito unánime no mes de maio. «Castelao aínda non tiña o seu espazo no rueiro, e neste ano, no 75 cabodano, pareceunos o momento oportuno para darlle presenza nunha das estradas principais de acceso a Ribadavia», explicaba o alcalde, César Fernández.
O rexedor quixo destacar a figura do político e escritor: «É o faro que ilumina a nosa forma de entender a vida e a Galicia, foi a persoa máis importante na construción da identidade cultural galega. Reivindiquemos a súa importancia», concluíu. No acto tamén estivo o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, quen agradeceu a decisión tomada polo concello. «Se nós temos a Castelao hoxe como un home de referencia é pola súa actividade cultural, artística e, sobre todo, pola súa actitude ética. É unha persoa querida por todos, símbolo de que os galegos podemos ser máis e mellores», expresou en nome da fundación, nun acto que comezou coa interpretación de Lela e finalizou co Himno Galego.