Nones Araújo: «Non sei quen mandou as adiviñas á editorial, levaban 30 anos nun caixón»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

RIÓS

XOAN CARLOS GIL

O seu libro está a triunfar nos coles galegos pola riqueza léxica e a orixinalidade da escrita desta mestra xubilada. «Trato de que os nenos aprendan galego xogando»

24 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen non quedou atrapado nun enigma, escravo ante o desconcerto de aquilo que non se pode descifrar? Nese instinto cerebral leva anos vivindo Nones Araújo (Riós, 1953). Esta mestra xubilada empezou a «inventar» adiviñas hai 30 anos, cando as empregaba nas súas aulas de educación infantil, cos seus alumnos. «As adiviñas son moi resultonas e atractivas para os nenos, empecei a crealas nos anos 80. Regaláballas ás profesoras, compañeiras do cole, para as súas clases». Aquelas creacións en branco e negro son hoxe 100 adiviñas para enredar, un libro en cor, con ilustracións de Laura Suárez, que triunfa nos colexios galegos, editado dentro da colección Ala Delta, de Edelvives.

Esta mestra, afeita a desenvolverse na intriga, non consigue desentrañar como eses enigmas que ela compuxo chegaron a Madrid. «Estaba de viaxe cando recibín a chamada da editorial. Me dixeron que querían publicalas. Non sei quen mandou as adiviñas, levaban 30 anos nun caixón. Ademais era a última versión que preparei para optar a un premio, non a tiñan nin as miñas fillas».

Tralo encargo, Araújo actualizou e ampliou as súas creacións, que tamén tivo que traducir ao castelán. «Tiven que loitar un pouco coa editorial para defender o léxico, eu son mestra e teño esa experiencia de tratar cos pequenos. As abellas teñen que chuchar as rosas, non liban. É importante chegar a eles e que aprendan e xoguen coas palabras». A vocación segue intacta nesta mestra que visita os coles que traballan coas súas adiviñas na aula, para compartir cos alumnos o proceso de creación destes enigmas. «O que máis me custou foi a tradución ó castelán. Carballo non sona igual que roble, iso fai que teñas que crear outra poesía». Gústalle tanto xogar coas palabras, que xa ten escritas outras cen adiviñas para o segundo e terceiro ciclo de primaria.

Asombrada polas palabras

As súas prosas tamén están triunfando. Acaba de recibir o premio Alén do concello de Ares pola súa obra

A Madriña

, unha historia autobiográfica da emigración dos seus pais, na que a autora relata a súa infancia no interior de Ourense. Céntrase nas expectativas vitais da nena que medrou rodeada de natureza, que soñaba con traballar de xornalista e que acabou como mestra vocacional. Algo teñen en común ambos oficios, nos que as palabras son ferramentas capaces de mudar o mundo. «Sempre lles dicía ós meus alumnos que eu nacín baixo un castiñeiro, para que aprenderan a facer autobiografías fixándose no distinto de cada persoa. Por exemplo, eu nacín en Riós, nunha casa preto dos soutos, por iso gústame dicir que nacín baixo un castiñeiro».

Unha destas árbores foi o regalo de xubilación dos compañeiros do IES Alexandre Bóveda, onde impartiu lingua castelá nos últimos anos de docencia. «Levaron unha grúa e todo para plantalo na miña aldea, en Pazos, Covelo». A sombra do castiñeiro resgarda nas tardes de verán a quen foi precursora da ensinanza na lingua propia. «Anoteime aos primeiros cursos de galego que se impartiron en Santiago, no ano 1973. Había ata suecas entre os alumnos». Eran anos de reconstrución do país e de recuperar o idioma e o ensino. Xunto cun grupo de compañeiras mestras, Nones conseguiu que se abriran as aulas de educación infantil no colexio de Balaídos, alá polos anos 80. «Dabamos clase nun entrechán, loitamos e conseguimos que nos trasladaran». Forman parte estas docentes dunha minoría que empezou a sementar o galego nas aulas.

«O galego non pode ser unha lingua que está nos coles solo no plano administrativo ou legal. Hai que poñerlles aos nenos lecturas atractivas, motivalos, poñerlles cancións que lles cheguen e motiven, por exemplo de Sés... Hai que ter vontade de espallar o galego, os profesores os primeiros». Espertar o amor polo idioma propio é a súa relixión. «As palabras namóranme. Cando leo un libro, fago unha listaxe de palabras, encántame aprendelas. Incluso me enfado coa RAG cando vexo que non se incorporan termos que se están usando e que están vivos». Un dos premios que luce con máis orgullo é o Modesto Figueiredo de Narración Curta, que convoca a Fundación Pedrón de Ouro. Gañouno polo seu relato Paseniño... a desmemoria.

Nas viaxes polas estradas galegas para recoller os premios ou para atoparse nos coles cos pequenos lectores das súas adiviñas, Nones Araújo pensa no seu manuscrito. «Pregunteille ao editor de Edelvives como recibiu eses folios. Dixo que lle mandaran un sobre cun número de teléfono e o meu nome». Esta incógnita é gasolina para esta mesta do enigma que sabe que non todo ten resposta máis alá das adiviñas.

A súa canción favorita

«Es caprichoso el azar», de Joan Manuel Serrat e Noa. «Emocióname esta canción. Sempre que a escoito, choro. Creo no azar, que aínda que non o busque dá comigo. Ese azar sempre fai que me pasen cousas moi curiosas. Pasoume coas adiviñas e tamén na pandemia, que me atopei coa miña amiga da alma».