
Juan Pérez é o protagonista da obra do artista ourensán en Castiñeiro
17 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O de afiador é un oficio asociado a Ourense. No século XX foron milleiros os veciños da provincia que saíron recorrer o mundo co seu chifre e a súa roda dea afiar. Co primeiro facían ruído para anunciar que chegaban e coa segunda dábanlle esplendor a coitelos, gadañas ou tesoiras que quedaran cegas, que xa non cortaban como debían. Foi unha profesión espallada polo mundo. Estaban en toda Europa e tamén nos Estados Unidos, Cuba ou Venezuela. Sendo historia dunha provincia, son varias as obras de arte que reivindican a súa figura. Cadros e esculturas poñen en valor o afiador, que agora tamén estrea mural. O artista Mon Devane firma a primeira obra de gran tamaño que homenaxea a toda unha profesión. E faino coa figura de Juan Pérez, un veciño da aldea de Castiñeiro, en San Xoán de Río, a mesma na que está o mural.
Pérez, nacido no 1935, foi pastor de neno e afiador de mozo. Aprendera co seu tío, Antonio de Cambela, con quen no ano 59 marchou cara Castela La Mancha. De aí, marchou coa súa roda de afiar cara Suíza, para rematar instalándose en Barcelona. Presume de ser pioneiro en motorizar o afiado cunha Vespa que o levou por Andorra, Ibiza e a Costa Brava. Pérez posou para Devane, como non podía ser doutro xeito, co chifre na boca.

A fachada na que está o mural forma parte do proxecto Rural Haus, impulsado polo grupo Rural Manager e o Concello de San Xoán de Río. O obxectivo é restaurar vivendas con criterios sostibles e axudar a captar poboación para o rural.