Esther Estévez: «É imposible falar galego normativo 100 %»

CARME D. PROL / S. F

VERÍN

PACO RODRÍGUEZ

A presentadora do célebre «Digocho eu» di que se levou moitas sorpresas co galego: «Estamos moi enganados coa lingua»

28 dic 2022 . Actualizado a las 12:03 h.

É correcto dicir facer a pelota en galego? Non, dise dar xabón. Esther Estévez (Verín, 1997) resolve este tipo de dúbidas e ensina galego no Dígocho eu, un proxecto que triunfa en redes como TikTok, onde conta con máis de cen mil seguidores de dentro e fóra de Galicia.

—Contaba con ter este éxito?

—Para nada, foi unha sorpresa. Nós mesmos pensabamos que o galego podía supor algún tipo de problema no alcance, pero para nada. Hai xente de fóra que nos entende perfectamente e que lle gusta o que facemos. A lingua non ten nada que ver con se gusta o contido ou non.

—Recoñécena pola rúa?

—A máscara fai moitos milagres. Pasei bastante desapercibida, pero agora que no exterior podemos ir sen ela si que vexo que se me recoñece. Isto pasa de cando en vez, non penses que non podo saír á rúa… Ás veces estou tomando algo e vénme saudar alguén. E outras veces, non sei se é paranoia miña, noto que igual alguén me quere falar, pero por vergoña non o fai, pero non é nada doutro mundo…

—Que comenta o público de fóra de Galicia?

—Notamos unha resposta moi positiva, aínda que sempre hai o típico comentario de «no te entiendo nada, háblame español», pero é a minoría. Temos moitos comentarios que son tipo «qué lindo el gallego», «entiendo todo, no sabía que era tan fácil»...

—Con tantas correccións, mudou a súa forma de falar?

—Eu son a primeira que quero aprender, e aprendo moito cada día. É imposible falar galego normativo 100 %, pero sinto que teño a responsabilidade de dar un pouco de exemplo, tanto dentro como fóra da tele, e intento aplicar todo o que vou coñecendo. Moitas veces falo e corríxome a min mesma. Como todos, teño a variedade dialectal da miña zona e conservo os meus trazos. O que intento é evitar os castelanismos.

—Algunha sorpresa nesa aprendizaxe?

—Moitas, os galegos estamos moi enganados coa lingua. Unha que me sorprendeu e que son incapaz de corrixir é a expresión un rato, en referencia ao tempo. Na nosa lingua non existe, un rato é o animal e eu sempre estou dicindo: «Vou nun rato». En galego pódese dicir nun anaco, nun pouco...

—Tamén fai o programa «Apuntamento lusófono» en Twitch. Que tal leva o portugués?

-Temos moitas cousas en común e moitas diferenzas, coincidimos moito en vocabulario, na forma de conxugar… O que me sorprende é a fonética porque tendo tantas palabras iguais pronunciamos de formas moi diferentes. De feito, hai moitos sons que non son capaz de dicir. Pero queiras que non, falar portugués e escoitalo dúas horas á semana fai que o oído se acostume. Eu tiña medo de non entender a Rodrigo, o meu compañeiro portugués, e pouco a pouco vou collendo ese sotaque.

De nena, que quería ser de maior?

—Eu quixen ser tantas cousas… Non son desa xente que tiña claro dende nena que quería ser xornalista, eu metinme na carreira no último momento.

—Ten dotes musicais...

—Teño estudos de gaita e agora estou na Banda de Gaitas Nova Era, con xente de Verín e Monterrei. Tamén canto, non teño formación, pero gústame. Entón ás veces hai cancións que son cantadas, pero eu son gaiteira.

—Iso axudoulle a desenvolverse diante das cámaras?

—No colexio tamén fixen teatro e todo o que se fai vai axudando. Eu sempre fun bastante tímida e o tema de facer teatro ou tocar nunha banda fai que te afagas a estar en público, pero como o fas con máis xente non notas esa presión. Realmente cando me abrín a pintar a mona en público foi facendo o Dígocho eu

—Xa que coñece a música tradicional, que canción encaixaría ben para un baile en TikTok?

—Eu que sei… [ri]. Que conste que vin cancións de Tanxugueiras moi presentes en TikTok, Midas rulou bastante. Tería que pensar algunha outra, pero vale calquera cousa. Todo pode facerse viral.

PILAR CANICOBA

—Se tivese todos os medios do mundo, que faría en Twitch?

—Molaría facer algo a lo grande. O noso primeiro directo foi conectando con seis colexios e dende aí facíannos preguntas. Estaría ben poder facer iso con todos os rapaces que quixeran unirse, con conexións nas escolas e falar, véndonos xenial e todo. Un concurso a lo grande do Dígocho eu.

 —Que serie recomenda para aprender e escoitar galego?

—Tería que ser unha con diálogos pausadiños, que non vaian moi rápido. Pratos combinados, por exemplo.

—E o «Luar»?

—Por suposto. Teñen de todo. Que artista non pasou por aí?

—Fíxolle ilusión compartir escenario con Gayoso?

—Moitísima, no momento non era consciente diso e agora está aí no recordo, pero creo que tampouco acabei de interiorizalo. A experiencia foi unha pasada. É un home tan sabio, tan humilde e faiche todo tan fácil que foi xenial.