O circo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Oscar Vázquez

19 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda un circo (Dias Brothers) por Verín. Seis días. A pasada fin de semana e a que comeza mañá. Nunca vimos cousa igual. Parece que a maxia que traen consigo as xentes do circo envolve Verín baixo o manto do outono, entre follas caídas. Todos temos un circo no noso corazón. Con mamá comprando larpeiradas e un refresco. O día anterior, tremías de emoción. Algo ten o circo que ata resolve vidas e enigmas en Cien años de soledad. En España, o que mellor escribiu do circo e as súas nostalxias é Ramón Pernas. A prosa de Pernas é unha ventura. E gozala cada semana na Voz, sen falta, a min reconfórtame. Xa non hai prosistas da talla de Ramón. Quedan Landero ou Antonio Soler, que tamén escribiu de circos e circenses. Vou deixar aquí dúas novelas desas que hai que ler, porque rara vez a vida dura cen anos ou cen soidades: Hotel Paradiso, de Pernas; e La noche, de Antonio Soler. Xa non se escribe así, porque agora apenas se escribe lonxe do canon da corrección política. Ata se queixa o mestre John Banville de que os seus editores intentan corrixir algúns «caracteres» das súas novelas. Malos tempos para a liberdade. Nunca sentín sobre min, mentres escribo, o nordés frío da autocensura. Hai corenta anos escribía máis libre, máis audaz, máis de circo e menos convencional. Agora teño que conter as intencións, moderarme. Grazas á moderación chegamos onde chegamos: un mundo sen circo. Quedan os shows de talento e os circos do sol e con sol. Pero apenas vagan polos camiños os circos como o que acampou en Verín estas dúas semanas. Anunciaban un gorila de nove metros. E pallasos. E trapecistas marabillosos. Agora ninguén anuncia marabillas. Só repiten o hábito gris do tedio.