Plácido Lizancos, doutor en arquitectura: «Cas vivendas baleiras que hai en Galicia poderíase construir unha cidade coma Sevilla»

VERÍN

O arquitecto defendeu nunha xornada en Verín unha intervención institucional que mobilice o parque mobiliario do interior da comunidade
05 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Concellos, asociacións e entidades do rural de Galicia centran parte dos seus esforzos en atopar medidas para dar vivenda digna a todos os que queren quedar ou instalarse de novo. A comarca de Monterrei non escapa desta realidade, por iso este mércores celebrouse unha xornada sobre vivenda na Casa da Cultura de Verín. A Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural reuniu a profesionais de toda España para analizar a situación e mostrar experiencias alternativas. Participou o doutor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Plácido Lizancos, especialista en arquitectura para a cooperación ao desenvolvemento ca súa intervención titulada «Que podemos facer?».
—Cal é a situación da vivenda no rural?
—A problemática que se identifica no medio rural é que hai 400.000 vivendas baleiras en 500.000 hectáreas abandonadas, pero non son un problema edificado senón un problema de modelo económico. O que se veu facendo nos últimos 50 ou 60 anos foi considerar ao interior como unha «terra de sacrificio», que é implantar industrias extractivas sen maior consideración cara o seu entorno. Galicia converteuse nun lugar dende onde se exportaban materias primas sen que esa riqueza repercutira no lugar onde está afincada a industria. Iso tivo como consecuencia o despoboamento, o empobrecemento da sociedade e a incapacidade das persoas de decidir poder levar a vida que libremente queiran vivir. Chámase inxustiza espacial. É unha das grandes eivas da democracia española. Non conseguiu repartir un nivel de desenvolvemento igualitario dentro do estado. A xente que traballa nos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia ten que entender que o da vivenda non se trata dun problema de restaurar edificios, que é inabordable, se non se reconstrúe un sistema territorial máis xusto. Coas 400.000 vivendas baleiras que hai no rural de Galicia poderíase construír unha cidade como Sevilla, que ten o mesmo tamaño. Chegamos demasiado lonxe, non podemos seguir perdendo todo isto.
—Hai casas pero non hai onde vivir.
—Si, dáse o paradoxo de que hai centenares de vivendas baleiras pero non hai nada dispoñible para ser utilizado. É unha pescada que se morde a cola. Moitas son impracticables porque están visiblemente abandonadas e hai outras dispoñibles para ser usadas pero a oferta vese alterada pola crecente presión do turismo rural. Por exemplo, a cidade de Monforte, de onde son eu, ten un 40 % de vivenda baleira, hai traballadores que non atopan casas porque as poucas que hai están dedicadas a alugueiro turístico de corta duración.
—Cal é a solución?
—Urxe unha intervención superior e institucional, de arriba a abaixo, que poña orde nesto. Hai que mobilizar todo ese parque inmobilizado se queremos poñer en vida o medio rural e recuperar esa arquitectura. Moito correspóndese a patrimonio artístico e etnográfico, ao que darlle valor e restauralo. A outra parte son impactos ambientais, o chamado feísmo. Hai que recuperar e volver e poñer en orde os impactos estéticos que hai en tantos lugares. Isto necesita un impulso financeiro e hai que facerllo ver a quen toma as decisións, é unha oportunidade de riqueza financeira e social. Activando a rehabilitación de vivendas xeramos riqueza material.
—Entón non só é unha consecuencia do despoboamento, tamén se construíu de máis ou mal?
—No medio rural compróbase que hai construción tradicional abandonada porque a xente marchou e o último que quedou, morreu, pero tamén hai construción de mais. Eu estou en Verín e vexo centos de edificios actuais a medio facer por todos lados, inacabados. Incluso institucionais de todo tipo que se chegaron a facer e que nunca chegaron a entrar en uso. Houbo xente que soñou con facer edificios e quedaron a medias. A estrutura dalgún deles estaría en disposición de ser usado se nos deran a chave.
—Houbo un éxodo urbano pero agora a demanda de vivir no rural non é suficiente para a oferta de vivenda, cambiaron os movementos?
—A dixitalización permite empregos no rural e o envellecemento da poboación require ter persoas que exerzan coidados. Hai grandes espazos de oportunidade para traballar no medio rural, o que se necesita é que se faga iso posible. Precísase impulso para un emprego realmente de pequena escala, moi próximo ás economías familiares. Non estou falando de grandes operadores que xeran emprego pero non xeran riqueza porque esta vai para outro lado.
—Que papel ten a arquitectura en solucionar este problema?
—Ten un papel absolutamente relevante. A arquitectura ten os instrumentos para identificar as oportunidades de intervención e as capacidades para restaurar aquilo que está deteriorado, establecer prioridades e organizar a actividade social e política, que non partidista, do espazo. A clase política necesita da arquitectura para organizar o seu modo de facer.
—Cal é o vínculo da arquitectura para a cooperación ao desenvolvemento?
—É unha arquitectura que non pensa nos edificios senón nos procesos que son necesarios para construir comunidade e dereitos. Un edificio de viviendas non é só iso senón que é un dispositivo construído que permite darlle á xente o dereito a vivenda. Para conseguir montalo hai que mover moitas cousas: capital, solo, tecnoloxía... Se só nos centramos en obter o edificio o proceso pode fracasar.