Palmero

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Santi M. Amil

14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xente que fai máis grata, e serena, a vida. Palmero pertencía a esa especie necesaria e imprescindible: os bos e xenerosos. Finou con noventa anos. Atrás quedou a súa zapataría, que estaba no recanto onde comeza a Avenida de Sousas, en Verín. Vivía na estrada de Cabreiroá, pero el sempre se sentiu do casco vello. Da súa rúa do Pozo e da Travesa, da Viriato, Muralla ou Portas de Madrid. Ao primo Gerardo dicíalle que de tanto xogar ao fútbol na nosa rúa, de tanto golpear a pelota contra a parede dunha casa, fora quen de doblar aquelas pedras: pelotazo a pelotazo. Certo. Paseando pola Travesa aparece unha casa que, na parte superior, ten a parede lixeiramente torta: non deixa de ser un signo distintivo e esencial (iso di o construtor que agora está reformando o tellado). En todo caso, sempre será un recordo do Palmero, que de neno era zascandil e vivaz. Daquela, no barrio antigo facíanse braseiros pola noite. Así espantaban o frío. E, con imaxinación e contos, espantaban tamén a fame. Vivían centos de persoas que, co paso dos anos, marcharon. Porén todos gardan na memoria a alegría do centro histórico de Verín. E volven. Nas mañás de domingo pasean e buscan, calados, a santa compaña dos ausentes. Algúns nunca marcharán de todo. Palmero, por exemplo. Ou o Zurria, o seu amigo da alma. Disfrutaban tertulias interminables na zapataría. Eu sempre lle chamei senado ou sanedrín: ese lugar onde se xuntan os sabios. Quizá, nalgunha taberna co ceo, xa teñan montado un faladoiro. Non faltarán risas nin chanzas. Recordarán. Daranlle a volta ao corazón para non estar tristes. E mirarán por nós. Hai xente, créanme, que fai máis grata e serena a vida. Coma ti, Palmero.