
Para Verín non foi un agosto óptimo. Pero Monterrei sempre pode sorprender con faragullas do paraíso. O paraíso este verán foi o Antonino. Antonino Nieto Rodríguez é un poeta verinés que leva toda a vida en Madrid. Artista único, orixinal, distinto. Viviu a bohemia e a movida madrileña. Xunto con Carlos Oroza era o mellor, e máis intenso, recitador de versos da Península. Un espectáculo. Viste pantalón curto (tamén no inverno), chaquetas coloreadas e zapatos lustrosos. Distínguese polo seu cabelo: un flequillo que lle chega aos ombreiros. Branco, brillante, liso, perfectamente peiteado. A mediados de xullo chegou a Verín por dous días. Porén, quedou mes e medio. Unha estancia pródiga. E ubicua. Camiñaras por onde camiñaras, aparecía o Antonino. Tomabas un viño no centro histórico, ao mediodía, e estaba o Antonino. Na rúa Montemaior, o Antonino. Nas igrexas, Antonino. Mañá, tarde e noite. Como un fantasma. Un ser que domina a arte da ubicuidade. O Julito do Salgueiro desenvolveu unha teoría que aceptamos: non hai un só Antonino, son catro. Catro, por iso está en todas as partes. Mesmo aparece na visita dos reis a Monterrei (pode comprobarse na TVG): dálle a man a Felipe VI. Minutos despois andaba na Praza Maior. O venres pasado a cuadrilla cambiou de ruta. Fomos cear ao Mesón do Emil. Non aparecería. Equivocámonos. Apareceu. Aínda non pedíramos o viño e alí estaba, ao noso carón, falando coa súa voz suave. O Juan Ramón non puido aguantar a risa. O Antonino dixo: «Mañá marcho». O sábado eu fun á praza, imaxinando que aínda andaba por aí. O Julito estaba tomando unha caña na Peixería. Preguntei: «Viches o Antonino?». Secamente contestou: «Non. Marcharon os catro».