
O pasado venres viñeron visitar a Real Academia as tres fillas de Florencio Delgado Gurriarán, Celia, Maruxa e Carmiña, que na compaña dos netos, Roberto e Sara, asistiron aos actos do Día das Letras Galegas en Córgomo e nas terras todas de Valdeorras. Nove concellos xuntos arredor da memoria dun veciño ilustre que, malia as circunstancias e adversidades (trinta anos sen poder volver á terra), nunca os esqueceu. O pasado 17 de maio Córgomo foi, certamente, a capital literaria e cultural de Galicia. Igual que cando falamos de Dublín falamos de Joyce, ou cando falamos de Praga lembramos a Kafka, e igual que cando dicimos Mondoñedo pensamos en Cunqueiro, Córgomo é Florencio Delgado Gurriarán. Eu visitei Mondoñedo por primeira vez, contra finais dos anos 70, porque lera a Cunqueiro. Moi probablemente nunca subiría a Córgomo se non fose polos versos de Delgado Gurriarán.
Unha aldea de pouco máis de douscentos habitantes entregada á lembranza do seu paisano. E non só a aldea de Córgomo, tamén os veciños da Portela, Arcos, Cernedo, Vilamartín, Correxais, lugares e topónimos reivindicados polo autor, na defensa dos nomes patrimoniais. De todas as celebracións das Letras Galegas que recordo ningunha tan participativa, entusiasta, alegre e multitudinaria coma a de Córgomo o pasado martes, coa xente na rúa, os terreiros ocupados espontaneamente por mesas de viandas, polbo, xamón e empanadas para agasallar os visitantes, bica e larpeiradas varias, charangas, gaiteiros, representacións e discursos na porta das casas, retratos do poeta pendurados das fiestras… Se algunha razón ten esta festa é a súa dimensión aberta, integradora, popular, alén doutras cerimonias que se cadra son obrigadas e mesmo necesarias mais que nunca poderán substituir o entusiasmo e a participación da xente do común, o alento e a alegría do país.
As fillas de Florencio marchan emocionadas, sen esquecer a lembranza da nai, Celia Teixeiro, que vive en México D.F. e que, por razóns de idade, non puido facer a viaxe. «Nunca pensamos que Galicia e o pobo de Valdeorras lembrase desta maneira o noso pai». Segundo o noso académico electo, Gonzalo Navaza, especialista en onomástica e toponimia, Córgomo ten raiceiras prelatinas, as orixes hai que buscalas nese universo antigo das falas anteriores á chegada do romano. En realidade toda Valdeorras respira ese tempo histórico. Empoleirado na caeira enriba do río Farelos, afluente do Sil, que é o señor de todas estas terras, a denominación Córgomo vén relacionada con “corgo” ou “corga”, caeira estreita e pendente pola que corre a auga, gorxa entre montañas, camiño esgrevio e profundo. «Bocarribeira clara!», en palabras do poeta. «Por Córgomo de Valdeorras non anda a Santa Compaña. O viño escorrenta medos, trasnos e pantasmas».