Vilar de Barrio abriu un museo de escritores vinculados ó concello

La Voz OURENSE / LA VOZ

VILAR DE BARRIO

 Inauguración del Museo de escritores e escritoras de Vilar de Barrio
Inauguración del Museo de escritores e escritoras de Vilar de Barrio Santi M. Amil

A apertura intégrase no Día das Letras Galegas e foi posible grazas ós escolares

11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sala Multiusos do Concello de Vilar de Barrio acolleu este sábado a inauguración oficial do Museo de Escritores e Escritoras, unha iniciativa impulsada polo alumnado de quinto e sexto de primaria do CEIP en colaboración co Concello.

O museo naceu coa intención de poñer en valor a literatura galega e visibilizar o traballo de escritoras e escritores relevantes, de ámbito local, tanto nacidos como con obra relacionada co concello, destacando o papel da cultura no medio rural. O proxecto, con máis de trinta autores e setenta obras, ten un carácter itinerante, xa que percorrerá diferentes aldeas do concello nos vindeiros meses, e ó final do verán quedará instalado de maneira permanente na propia biblioteca do concello de Vilar de Barrio, para uso e gozo de toda a veciñanza.

O acto de inauguración enmárcase dentro das actividades culturais organizadas polo Día das Letras Galegas polo Concello, polo que tamén contou cun concerto musical e un mercadiño de libros, abertos a toda a veciñanza e visitantes.

O proxecto foi ideado, deseñado e realizado polo alumnado da localidade, cun forte compromiso coa lingua, a identidade e a creatividade. Esta acción educativa supón unha mostra do potencial do traballo colaborativo entre centros escolares e institucións locais.