

















«O rural ten vida; non hai que darlle vida, hai que darlle cartos», proclamou o alcalde, Manuel Conde
06 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Vilar de Barrio ten a maior parte do seu territorio na Serra de San Mamede, pero o 20 % da superficie do municipio está na Limia e o sentimento de pertenza á comarca é tal que é alí onde se celebra a Festa da Pataca desde hai case medio século. A localidade celebrou este fin de semana a edición número 46 da cita, que contou con actividades como demostracións culinarias, unha foliada ou o tradicional desfile, no que os labregos da zona mostran os vellos carros de bois cos que se traballaba o campo hai anos.
«O rural ten vida; non hai que darlle vida, hai que darlle cartos», proclamou o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, na inauguración da festa. «O obxectivo que temos é encher o Toural de xente cada mes», engadiu o rexedor, que destacou o apoio do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico) para poñer en valor a estación de tren da localidade. «Imos seguir remando para que Vilar de Barrio teña futuro», avanzou Manuel Conde.
No acto participaron tamén representantes da Xunta e do Goberno central. Despois da comida popular —cun menú baseado na pataca e noutros produtos de calidade galegos— houbo máis actividades, incluído o tradicional concurso de tubérculos, no que foron premiados os exemplares de maior peso.