Colle o diñeiro e vai a modo

Xosé M. Rodríguez ANACOS

VILARDEVÓS

27 dic 2019 . Actualizado a las 21:09 h.

Non se sabe se os atracadores dunha entidade bancaria de Vilardevós coñecen a Woody Allen ou non. En todo caso poderáselle preguntar cando aparezan, se tal é o caso. De coñecelo, ao referido director de cine, seguro que non colleron apuntes para evitar o que lles ocorreu. Aínda que con todo ao mellor ata lles sae ben a xogada, porque quen nos di que coa de traballo que hai agora no sector das series para televisión non rematan por facer unha miniserie sobre o acontecido. Ou máis, que o oficio dos novos guionistas dá para moito.

A cousa non é para menos. Porque ser foi ao besta, como nos vellos tempos, e merece a pena reparar no suceso. Durmían con toda a tranquilidade do mundo os veciños de Vilardevós cando vai e escoitan un lostregazo como un mundo. E que aconteceu? Nin máis nin menos que uns ladróns van e amarran o caixeiro automático dun banco e turraron por el a cachón para arrincalo da parede e fuxir con mesmo. Cometido que non é broma, cos centos de quilos que disque pesa o condenado. É dicir: fano gordo para que, precisamente, non o leve calquera nunha arroutada.

E deberon fuxir tan ás presas que vai e perderon o cargamento polo camiño. Traballo que aforraron, porque despois tiñan que pórse ao chollo de abrir a caixa e desfacerse das «probas».

Resumindo, que quixeron facer tan rápido o traballo que remataron perdendo o roubado polo camiño. E agora estaranse laiando: sen cartos e coa Garda Civil atrás deles.

Vilardevós, caixeiro, afouteza, lonxano oeste, sesións de cine. Aquí hai material!