Unha pacífica guerra de fariña deu comezo ao entroido en Xinzo de Limia

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE

XINZO DE LIMIA

O «petardazo» consolídase no programa tras reunir a miles de persoas

21 ene 2024 . Actualizado a las 20:00 h.

O calendario quixo que o deste ano 2024 sexa un entroido moi madrugador. Aínda non rematou o mes de xaneiro e en Xinzo, que presume de ter un dos ciclos carnavaleiros máis longos do mundo, xa arrincou a festa. Tradicionalmente, esta comeza co domingo fareleiro, pero desde hai uns anos na medianoite anterior celébrase o «petardazo» (unha tirada de lumes de artificio). Esta actividade consolidouse, especialmente entre o público máis novo, que encheu ata os topes a Praza Carlos Casares para seguir a conta atrás no reloxo que ao longo de todo o ano sinala o tempo que queda para o entroido. Tal é a paixón coa que Xinzo vive estas datas.

Así pois, no domingo fareleiro xa desde pola mañá houbo troula polas rúas da capital da Limia pese a que o inicio oficial da festa estaba programado para a tarde. Como é tradición, un carro repartiu o farelo (que non é fariña industrial, senón trigo e centeo trillados) e comezou a guerra máis pacífica coñecida na Praza Maior da localidade. Un non participa de verdade no fareleiro se non acaba completamente cuberto de branco. Por ese motivo, moitos van equipados con gafas de mergullo e monos ou disfraces de corpo enteiro, que dificultan a entrada dos farelos ata o lugar máis recóndito. A Asociación A Pantalla, que traballa na protección do entroido tradicional en Xinzo, editou una guía de boas prácticas, que recomenda non tirar os farelos aos ollos, non lanzar obxectos ao aire que poidan ferir aos demais, non empregar pulverizadores de neve e, por riba de todo, «non esquecer andar aos rebolos polo chan».

Así foi, e na Praza Maior non quedou ninguén por enzoufar. En Xinzo ya están en modo entroido e preparados para as seguintes citas do seu famoso ciclo festivo. O próximo domingo é o oleiro e o seguinte, o corredoiro, no que por primeira vez sairán as pantallas. Despois xa vén o propio domingo de entroido e a festa aínda seguirá ata o seguinte o de piñata, que coincide coas eleccións do 18F.