Xunqueira de Espadanedo acolle a décima edición do Encontro de cacharreiros de Niñodaguia
17 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Días 17 e 18 • Museo de Olería de Niñodaguia • Xunqueira de Espadanedo • Todo o día • Houbo un tempo non moi lonxano no que pobos como Niñodaguia, Tioira e outros dos municipios de Xunqueira de Espadanedo, Maceda e Baños de Molgas contaban cun bo número de obradoiros de oleiros e os seus traballos estaban presentes en todas as casas. Foron épocas nas que para todas as tarefas do fogar e mesmo para os traballos da tempada, como a matanza e outros, había as pezas acaídas para cada actividade e uso cotiá creadas polos oleiros.
Chegou logo o plástico, e foron morrendo os obradoiros e mesmo os fornos comunais, e desaparecendo de forma continuada os artesáns que mantiñan o oficio e a tradición popular.
En Niñodaguia hai tempo que apostaron por loitar contra o esquecemento recuperando a tradición e dándolle un novo pulo á artesanía que aínda mantiñan algúns veciños da zona. Dende o Museo de Olería están a desenvolver un amplo programa de actividades que inclúe visitas guiadas, obradoiros, encontros e outras propostas.
E entre elas, e levan xa dez anos coa iniciativa, está un Encontro de cacharreiros que botaba a andar na xornada deste venres e que se desenvolverá durante toda a fin de semana. Os cacharreiros que participan —de toda Galicia e Portugal— son Agustín Vázquez, Enrique Cabana, Olería do Batán, Carlos San Claudio, Antón Román, Susana González, Carlos Lima e Xana Monteiro. Tamén están a participan no encontro o telleiro O Buraco, o torneiro Adrián Pena e a cesteira Julia de la Cal.
Ata o Encontro de cacharreiros de Niñodaguia achegáronse este venres o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.
Alén salientou o papel da olería tradicional no conxunto da artesanía galega e incidiu na importancia do apoio institucional a este tipo de eventos monográficos «que contribúen a manter, amosar e poñer en valor estes oficios artesanais».
Demostración e venda
O programa do Encontro de cacharreiros de Niñodaguia inclúe un amplo abano de actividades. As demostracións do traballo en directo por parte dos artesáns participantes e a venda das súas creacións é un dos apartados. Tamén se pode participar nas visitas guiadas ao Museo de olería, que están fixadas para as 13.00 e 18.00 horas.
O programa complétase coa actuación de grupos de música tradicional. O venres foi a quenda de Xunquereteiras e este sábado contarase coa actuación de Os Trabazos, a partir das oito da tarde. As actividades do encontro comezan ás once da mañá.