As subvencións cobren o 30% do custo das feiras da cidade

La Voz A. C. / E. L.

PONTEVEDRA

O orzamento das mostras sumará este ano 678.000 euros Deputación e Concello aportarán axudas por importe de 200.000 euros

10 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

As subvencións locais para as feiras de Pontevedra cobren xa o 30% do custo das mostras que se celebran no Pazo da Cultura, segundo os convenios de financiamento asinados pola Deputación e o Concello nas derradeiras 48 horas. O importe conxunto das axudas destas dúas Administracións sumará 200.000 euros, mentres que o custo total das feiras foi avaliado en 678.000. O ente provincial adicará 90.000 euros -12.000 máis que no ano 2006- ás distintas mostras que se celebran en Pontevedra, mentres que o Concello achegará outros 110.000 euros co fin de promocionar a organización destes eventos na cidade. A raíña das feiras pontevedresas seguirá a ser no 2007 a pasarela Pontus Veteris que celebrará dúas edicións para dar a coñecer as coleccións de moda, unha en marzo e a outra en setembro. Pontus Veteris é xa o escaparate de boa parte das firmas do sector téxtil na provincia, de xeito que moitas compañías asentadas no Deza e noutras comarcas expoñen en Pontevedra as súas creacións da tempada. Interese provincial De aí que onte, na firma co convenio de financiamento das feiras coa Cámara de Comercio, a Deputación lembrase que as mostras que se celebran en Pontevedra teñen un interese que supera o ámbito comarcal. Igual que noutros anos, o calendario feiral do 2007 inclúe tamén outra edición do certame turístico de Ferpalia, que abrangue tamén representacións de toda a provincia. A programación complétase con Forestalia, a mostra adicada á madeira e derivados forestais, e a habitual celebración de Pomóvil. A primeira feira prevista a a edición de Pontus Veteris en marzo, aínda que a maioría das mostras terán lugar na segunda metade do ano, entre setembro e novembro. A Cámara, organizadora destes eventos, asegurou onte ter dúas ou tres ideas para incrementar o número de certames en Pontevedra, aínda que onte non deu detalles destas posibles feiras a maiores.