Ciencia | Coñecer o universo Caixa Galicia inicia un ciclo de proxeccións cinematográficas, conferencias e obradoiros relacionados coa astronomía que se desenvolverán durante todo o mes
03 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Tras cinco anos de celebrar con grande éxito unha semana de conferencias sobre astromía, a Fundación Caixa Galicia organiza agora un mes enteiro de actividades relacionadas cos astros e as leis que rexen os seus movementos. Conferencias, proxeccións cinematográficas e obradoiros levarán a cabo ao longo de todo o mes de febreiro, no Café Moderno, con entrada libre e gratuíta. As películas proxectaránse ao longo desta semana, de luns a xoves, ás 20 horas. O primeiro filme do ciclo será Contact, de Robert Zemeckis e interpretado por Jodie Foster e Matthew McConaughey. O martes, día 6, Apolo XIII, de Ron Howard e con Tom Hanks, Ed Harris, Kevin Bacon e Gary Sinise como protagonistas. O mércores tócalle o turno a Stanley Kubrick, que firma a película 2001, unha odisea no espazo, con Keir Dullea, Gary Lockwood e William Silvestre. E o xoves remata o ciclo con Deep Impact, de Mimi Leder, con Robert Duvall, Téa Leoni, Elijah Wood e Vanesa Redgrave. Logo, a seguinte semana, do 12 ao 15 de febreiro, tócalle o turno ás especialistas da Agrupación Astronómica Rías Baixas, que falarán sobre os astros. Juan Lois, licenciado en Física e especializado en Astrofísica, falará, o día 12, sobre Radioastronomía: o ollo que o ollo non ve. O martes, día 13, Pablo Martínez, especializado en observación astronómica e astrofotografía, abordará o tema Arqueoastronomía: Astronomía nas antigas civilizacións. O mércores 14, Ángel Currás, enxeñeiro de telecomunicacións e ensinante, dará unha conferencia titulada Charles Messier: da caza dos cometas aos confíns do universo. Messier foi un astrónomo francés coñecido por ter recopilado o primeiro catálogo de nebulosas e cúmulos estelares e por terse adicado á busca de cometas, descubrindo uns 13, entre eles o Halley, en 1759, e ao ano seguinte, outro ao que lle deu seu nome. E a última conferencia do ciclo estará a cargo de Francisco Novoa, ensinante, que falará sobre As últimas fronteiras do sistema solar: cinto de Kuiper e nube de Oort. As charlas terán lugar tamén ás 20 horas. Para completar o ciclo, haberá dous obradoiros, un o sábado 10 de febreiro, titulado Instrumentos e métodos básicos de observación astronómica, con Ángel Currás e Ricardo Lago, administrador da web da Agrupación Astronómica Rías Baixas, e outro o sábado 17 sobre As constelacións de inverno: os obxectos celestes observables en febreiro e marzo.