«Se hai novos conflitos haberá que dar un puñetazo na mesa e manter as familias en Monte Porreiro»

Alfonso González

PONTEVEDRA

06 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O representante da Fundación Secretariado Gitano en Galicia, Santiago González, alerta do risco de que se estenda o clima de rexeitamento as familias de O Vao ao resto da provincia e que o conflito desemboque nunha ola de racismo e xenofobia.

-¿Como marchan as xestións para reubicar as familias?

-As cousas marchan con rapidez, pero a solución, que ten que ser definitiva, non pode ser froito da precipitación. Calquera alternativa pasa por desactivar as protestas veciñais e activar outros mecanismos para sentar as bases da convivencia.

-¿Hai xa alternativas prantexadas?

-Se están a buscar alternativas por toda a provincia; facelas viables pasa porque as familias se sintan seguras dos pasos que se están a dar e que se poida reverter a situación con seriedade, serenidade e madurez. A proximidade das eleccións xerais e a efervescencia das mobilizacións non axudan.

-¿E os afectados de Caritel?

-Nestes momentos non é unha posibilidade que se contemple o reubicar ás familias de Caritel nin á de Boa Vista. Desde un punto de vista técnico poderíase reconsiderar a saída das familias do edificio da rúa Alemaña, por motivos de concentración dos realoxados nun mesmo edificio só de xitanos, pero no caso da rúa Portugal a situación non é tecnicamente defendible.

-¿A que responde entón?

-Só responde á capacidade de negociación dos veciños de Monte Porreiro. Se ese é o punto de vista que se vai tomar con respeto a todo o realoxo, nos atopamos nunha situación imposible, porque non poderemos cumprir a lei nin os obxectivos que como sociedade nos marcamos; non podemos facelo nestas condicións de rexeitamento xeralizado, con solucións, ademais, que eran legais e viables se houbese un mínimo de tolerancia.

-Hai risco de conflito nos novos lugares de realoxo...

-Precisamente por iso o fundamental é desactivar os conflitos sociais. Esta posibilidade de novos conflitos veciñais apunta a que, chegado o momento, haberá que dar un puñetazo na mesa e dicir basta, acabouse. Se continúa o clima actual, á vista da conflitividade crecente e expansiva, a única solución viable sería manter as familias en Monte Porreiro e aguantar o conflito o que dure. Non sería unha boa solución, pero sería a menos mala para evitar un mal maior, que sería estender o conflito veciñal a toda a provincia de Pontevedra e que acabara converténdose nun conflito de xenofobia e racismo.