Caixanova aposta pola cultura

PONTEVEDRA

A caixa de aforros presentou a nova programación para o primeiro semestre do ano, no que lle prestará especial atención aos eventos para os máis novos

21 ene 2009 . Actualizado a las 20:24 h.

Sara Baras, Juan Diego Botto, Fran Perea, Nena Daconte, Paco León, Lola Herrera, José María Pou, Sancho Gracia e todo un elenco de artistas pasarán durante o primeiro semestre polo centro social de Caixanova en Pontevedra. A entidade estreou programación cultural e con ela todo un abano de posibilidades para que os pontevedreses poidan disfrutar dos principais eventos nacionais e internacionais que están de xira sen sair da cidade.

A novidade deste ano reside en dar especial importancia ao mundo dos máis novos coa intención de achegar a cultura a este colectivo de consumidores culturais.

Por este motivo, este ano creouse o Ciclo Nx, que tratará de crear o punto de encontro perfecto para os mozos pontevedreses. Neste ciclo participarán Nena Daconte, o trío Lizgaro e o espectáculo Galicia on board de Odaiko Percusion Group, xunto coas montaxes teatrais Solomillo. Una historia poco hecha, Brokers de Yllana e ¿Estás ahí? co televisivo Paco León no papel de protagonista.

Música clásica

O mundo da música clásica ten un lugar privilexiado na programación cultural da caixa de aforros. Recibirase o novo ano co tradicional concerto de Aninovo que correrá a cargo da Orquesta Sinfónica de Ucrania. Ademais da Real Filharmónica de Galicia, a cidade do Lérez recibirá á Orquesta Sinfónica Cidade de Atenas e á Filarmónica de Moscú, cualificada por Gayoso coma unha orquesta «tan importante como a de Chicago ou a de Berlín».

No ámbito da lírica, unha disciplina de éxito en Pontevedra, destaca a obra A frauta máxica, de Mozart, interpretada pola Ópera de Cámara de Varsovia.

O teatro é outra das apostas fortes da programación cultural de Caixanova. Obras dos clásicos como Lope de Vega en Fuenteovejuna ou Sakespeare, en Hamlet, dirixida e interpretada por Juan Diego Botto, son algúns exemplos. Asemade destaca a interpretación de Fran Perea na obra Don Juan. El burlador de Sevilla, de Tirso de Molina.

Sancho Gracia, tamén visitará Pontevedra coa montaxe da traxicomedia La cena de los Generales e José María Pou e Lola Herrera serán protagonistas de Los chicos de Historia e Seis clases de baile en seis semanas, respectivamente.

No espazo que Caixanova reserva ás funcións en familia, o circo acrobático nacional de Pekín interpretará Dreams. Alma de China o vindeiro 2 de xaneiro e o 17 de mesmo mes, chegará ao centro social de Caixanova o musical Aladdin. Nesta sección cultural tamén destaca o Teatro Negro de Praga.

As exposicións cerran a oferta cultural, o 15 de decembro inaugúrase Galicia 25, unha cultura para o novo século. Trátase dunha ambiciosa mostra na que colabora o Consello da Cultura Galega e que fai un recorrido por obras e acontecementos deste último cuarto de siglo no panorama galego. Espacio Colección Caixanova chega en febreiro á Pontevedra, unha mostra na que se exhibirán as obras de Caixanova, situadas habitualmente en Vigo. E en abril, celebrarase a X Bienal Internacional de Gravado.

Fernández Gayoso destacou a «calidade excepcional» desta programación que seguro fará as delicias do público. Na súa intervención, o presidente de Caixanova non quiso esquecerse do obradoiro de lectura, impartido por Ramón Nicolás Rodríguez e do Espacio Literario. ¿Pódese pedir algo máis na cidade?