Cantos na Maré celebra dez anos con Rui Veloso e Chico César ao fronte

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

maria conde

Cheny Wa Gune e a galega Sés completan o cartel do 12 de xaneiro

20 dic 2012 . Actualizado a las 06:53 h.

Pontevedra volve a comezar o ano estreitando os lazos entre os países lusófonos a través da música. Cantos na Maré cumpre dez anos e, como di a súa directora artística, Uxía Senlle, esta ponte baixo o abrigo común do galego-portugués «é sólida e a mellor maneira de seguirse abrazando, pois a música é a arte con máis capacidade de unión». A festa da lingua e do encontro conserva o seu espírito pero, se cabe, chega máis enérxica cun cartel liderado polo pai do rock portugués, Rui Veloso, ao que acompañarán outro veterano, o brasileiro Chico César, que xa estivo na primeira edición, e os novos valores Cheny Wa Gune (Mozambique) e Sés, unha cantautora galega que repensa os ritmos americanos en galego e en feminino.

Veloso acumula xa trinta anos de éxito, o que o convirte nunha institución musical en Portugal. Ten publicados máis dunha ducia de álbumes, con éxitos como Porto Covo, Não hai estrelas no céu ou Sei de uma camponesa. Esta será a súa primeira actuación en Galicia e, como é habitual en Cantos na Maré, Veloso e os outros artistas ensaiarán conxuntamente a semana anterior ao concerto para crear un repertorio propio, na súa maioría, a base de duetos, como o que o luso formará con Sés. A cantante de blues destacou «o valor musical e emocional» que ten para ela o festival, e tamén «o lingüístico e identitario».

A cita será o 12 de xaneiro no Pazo da Cultura e supón o inicio da programación do ano, como explicou a concelleira Anxos Riveiro. Pola súa banda, o produtor Paco de Pin destacou que se abre unha nova etapa para Cantos na Maré, na que se buscará convertilo nun evento itinerante, «co seu porto franco en Pontevedra», porque países como Brasil ou Cabo Verde xa o demandan. Esta edición supón tamén unha ruptura na maneira de facer as cousas debido a crise, de forma que a achega do público xa supón o 30 % do presuposto (de 50.000 a 60.000 euros), mentres que o Concello asume un 40 % e outros patrocinadores o resto. As entradas son máis caras (25 euros en www.servinova.com e no 902504500) e De Pin subliñou que poden ser «o mellor agasallo de Nadal».