Fina Casalderrey ingresará na RAG en Pontevedra o día 22 de novembro

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O acto da Real Academia Galega terá lugar no Teatro Principal

01 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os académicos da RAG celebrarán unha sesión extraordinaria o vindeiro 22 de novembro en Pontevedra, con motivo do ingreso na Academia Galega do seu novo membro electo, a autora pontevedresa Fina Casalderrey, que ocupará a primeira cadeira da RAG para a literatura infantil e xuvenil.

Foi a propia escritora a que solicitou que a cerimonia de ingreso na academia tivese lugar nun acto en Pontevedra, a cidade na que naceu, na que estudou e na que reside. Precisamente, Casalderrey explicou que propuxo dous posibles sedes para este acto, o Teatro Principal e a antiga escola de Maxisterio, hoxe colexio Vidal Portela. Finalmente, a Academia optou polo primeiro escenario, «e é de agradecer, porque economicamente non andan as cousas ben». Casalderrey preferiu non desvelar o tema do seu discurso de ingreso, aínda que si apuntou que será a tamén pontevedresa Rosario Álvarez Blanco a encargada de responder ao mesmo por parte da RAG.

Ano convulso

A incorporación da escritora pontevedresa, que ocupará a vacante deixada tralo falecemento de Xaime Isla Couto, prodúcese despois do de Pegerto Saavedra e pechará un ano convulso para a Academia, polos seus problemas económicos e a crise trala dimisión de Méndez Ferrín. Desde abril, Xesús Alonso Montero é o novo presidente. Con estas dúas entradas, o plenario da RAG quedará formado por 29 académicos e só permanecerá valeira, por acordo unánime da corporación, a cadeira de Méndez Ferrín.