Heredeiros da Crus preséntanse como cabezas de cartel de Surfing The Lérez e Maneiro repetirá o sábado co seu proxecto en solitario
18 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Por partida dobre. Os afeccionados á música terán ocasión de gozar esta fin de semana de Javi Maneiro como líder de Heredeiros da Crus, un dos cabezas de cartel do festival Surfing The Lérez, e en solitario co seu novo proxecto, Maneiro. «Ás veces as cousas non chegan e outras chegan por partida dobre».
-Son dous proxectos que se poderían consideran como case totalmente opostos?
-Si. O venres vou co meu grupo de toda vida e ao día seguinte o personaxe queda a un lado e aparece a persoa.
-Cal é a principal diferenza entre o personaxe e a persoa?
-A idade. A idade que fai que o personaxe canse e que só quede a persoa.
-Pero que é máis complicado, actuar como o personaxe ou como a persoa?
-En contra do que se poida pensar, resulta que actuando de personaxe chega un momento no que non gozas tanto como facéndoo espido e como persoa.
-Retomando o que é o seu grupo de toda a vida, como foi a evolución de Heredeiros da Crus nestes anos?
-Realmente fíxoo no plano musical. Converteuse nunha banda de rock and roll e mantivo o público ao longo dos anos, o que foi algo inexplicable, pero real.
-Talvez sendo unha banda de rock pesou que foran etiquetados dentro do bravú.
-Que va... Foi unha etiqueta que se fixo en Galicia e na que meteron a todos no mesmo saco. Creo que fixemos moi ben seguindo por libre, pero aínda agora mesmo nos seguen a meter esa etiqueta. Xa cansamos de dicir que non tivemos nada que ver con iso, que simplemente fomos á primeira reunión onde dixemos que non iamos volver máis.
-Iso é ao que me refería, porque a vosa música non se semella á dos Diplomáticos, Skornabois ou O Caimán do Río Tea, por poñer uns exemplos.
-O único que temos en común é que o fío condutor é o galego. Os pensamentos, a forma de dirixir a túa música e o que queriamos facer eran moi distintos. Nós so queríamos tocar rock and roll e pasalo ben. Non buscabamos ningunha reviravolta cara a un movemento no que non criamos.
-É complicado facer rock en Galicia ou en galego?
-Non. Facer música é moi fácil, outra cousa é ata onde queres ir coa túa música. Está claro que non hai imposibles, pero si cousas improbables, e sen traballar non aparecen oportunidades. E iso dá igual no idioma en que o fagas.
-E pódese vivir do rock?
-Se tes 18 anos tes un mínimo de posibilidades. No momento no que xa tes cargas familiares e un traballo fóra da música compaxinalo todo é moi complicado. Como digo eu, non hai nada imposible. Para min a música é o meu visio. Non é o meu ofisio, pero si o meu visio.
-Sendo moi coñecida a música de Heredeiros, como é a de Maneiro?
-É algo totalmente distinto. Non ten nada que ver nin no estilo, nin nos textos, nin na forma. É algo que ten ver máis comigo na realidade e co que me sinto máis a gusto. Heredeiros converteuse para min nun traballo e a carreira en solitario é unha forma de sentirme a gusto co que fago.
-E de que influencias bebe Maneiro?
-Eu son do pop e o rock español de toda a vida. De Miguel Ríos ata Mikel Erentxun, pasando por Leño... Todos os grupos de antes... Loquillo encantábame, Los Ronaldos, Los Rebeldes... Nunca escoite moita música inglesa ou de fóra.
-Isto quizais sorprende a quen se achegue a ver a Maneiro coa mente posta nos Heredeiros.
-Iso é o bonito, que a xente queira investigar e descubrir. O principal problema é estar disposto a descubrir, non pecharse en banda. O bonito é descubrir, pechar os ollos e escoitar. Se pensan que vou facer o mesmo que fago en Heredeiros van levar unha pequena sorpresa.
-Positiva, espero.
-Iso terao que dicir a xente. A verdade é que eu me atopo moi a gusto co que fago e creo que neste momento é o máis importante. Nun momento no que hai tantos músicos e bos grupos o primordial e principal é ter personalidade. Que che guste ou non ten que decidilo o público.