Un escaparate da economía social

Alfredo López Penide
López PEnide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A Culturgal programa máis de setenta propostas durante a fin de semana

27 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, e xa van trece, o Pazo da Cultura de Pontevedra convertese no epicentro das industriais culturais galegas ao acoller, ao longo do vindeiro fin de semana, a Culturgal. Baixo o lema de En caso de emerxencia, cultura, a cita tivo que reinventarse por mor das restricións sanitarias derivadas do coronavirus, de tal xeito que todas as actividades, se ben teñen aforo restrinxido, exhibiranse a través da web cultur.gal e de tres canles de YouTube: Libro, Foro e Escena.

Nesta cita, e por sexto ano consecutivo, a Xunta apoiará ao sector cultural da economía social, de tal xeito que sete entidades do sector -seis cooperativas e unha sociedade laboral- presentarán o sábado espectáculos e actividades. «A arte, o teatro, a narración oral e a música en directo protagonizarán as propostas das entidades participantes a través das actividades que se desenvolverán en bloques de dez minutos de duración entre as 19.15 e 20.15 horas dentro da Hora da Economía Social Galega».

Ao igual que o resto das máis de setenta propostas culturais de música, teatro, literatura, arte, ciencia e espectáculos diversos poderanse seguir dende a comodidade dos fogares. Unha equipa humana composta por uns sesenta profesionais posibilitaran a emisión de más de vinte horas de programación, de tal xeito que, a través da Canle Libro, emitiranse as intervencións de, entre outros, Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez ou Kiko da Silva presentando as novidades editoriais ou participando en coloquios e conversas nas que a pandemia será un dos eixos transversais desta edición da Culturgal.

O Espazo Foro terá como escenario a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra para amosar performances, recitais poéticos ou artes escénicas. Pero tamén encontros ao redor do galego no ensino, na xustiza ou na televisión e, incluso, xéneros tan dispares como a ópera e o breakdance terán o seu espazo: «O Foro da Culturgal 2020 convértese nun espazo de representación, reflexión e encontros ao redor da creación artística e dos xeitos de traballar e incidir na cultura galega que ven, nun contexto marcado polo covid-19», reseñan dende a organización.

Pola súa banda, na Escena está programada unha ampla selección de espectáculos para abarcar todo o espectro de idades, «desde o espírito punk até o ritmo de big band pasando polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk como Luar na Lubre ou Susana Seivane cos seus respectivos espectáculos do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, sen esquecer os espectáculos para a cativada e as súas familias».

Xunto con estes tres espazos, un cuarto exclusivamente presencial: Cinema, no que exhibiranse catro longametraxes de ficción e dous documentais.