Arranca en Pontevedra a principal plataforma de presentación da cultura galega

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Culturgal desenvolverá más dun centenar de accións esta fin de semana

27 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha xornada centrada no Espazo Foro enfocada, principalmente, en temas como a sustentabilidade, igualdade e accesibilidade na cultura, arrancou este venres unha nova edición do Culturgal, «a principal plataforma de presentación da nosa cultura —en palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura—. Aquí están máis de cen stands diferentes con diferentes manifestacións artísticas».

De feito, trala inauguración, as actividades organizadas pola Xunta, principal patrocinador da feira pontevedresa, en Culturgal comezaron cunha presentación por parte do director das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, centrada na xestión da compañía pública durante os meses de pandemia, incidindo no papel dinamizador da escena galega desenvolvido pola unidade teatral da Xunta. Estas actividades terán continuidade durante as xornadas do sábado e domingo nunha edición na que Román Rodríguez destacou que se recuperase a presencialidade, a interacción e o intercambio profesional.

Durante a súa intervención, o titular de Cultura aludiu ao apoio económico da Xunta ao sector cultural, un apoio que, «sumado ao inxente traballo do noso sector cultural, deu e segue dando os seus froitos e hoxe a cultura galega mira ao presente e futuro con optimismo».

Román Rodríguez, en todo caso, confesou ter «o corazón partido». Por un lado, recoñeceu estar «feliz de volver a estar aquí, celebrando Culturgal, quizais a feira máis significativa da cultura en Galicia», pero, por outro, non ocultou a súa preocupación pola situación sanitaria, polo que fixo un chamamento á responsabilidade.

De igual xeito, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, ao tempo que se congratulou da organización desta nova edición, sinalou que a felicidade non pode ser plena porque, aínda que medran as accións culturais, estase a producir un «descenso, pequeno pero sistemático, do uso do galego pola poboación en xeral, pero especialmente pola xente nova. É unha chamada de atención ante toda esta alegría».

Pola súa banda, Victor López, presidente da Culturgal, animou «ao público a que se mergulla neste extenso programa, máis de cen actividades programadas durante toda a fin de semana», mentres que Carmela Silva, presidenta da Deputación, deixou claro que «temos a confirmación de que está asentado en Pontevedra. Este é o seu sitio».