O Pazo Provincial rende homenaxe a Florencio Delgado polas Letras Galegas
PONTEVEDRA
Os actos terán continuidade este venres no Xaime Illa Couto de Raxó, en Poio
13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Como a «semente de novos proxectos para facer agromar a Galiza infinda que tan ben contou» definiu onte a deputada provincial María Ortega a Florencio Delgado Gurriarán no acto central dos que impulsa a Deputación de Pontevedra para conmemorar as Letras Galegas. Nesta xornada abordouse a figura do homenaxeado dende a música, a banda deseñada, a investigación, a crítica literaria e a tradución da man da cantautora Sheila Patricia, o ilustrador Kiko da Silva, o biógrafo Ricardo Gurriarán, o profesor Miro Villar, e a escritora e tradutora Tamara Andrés.
«Queremos tomar consciencia da importancia dun home que traballou a reo en prol da defensa da nosa lingua, a nosa cultura e os valores democráticos que encarnaba o bando perdedor da guerra civil española (...). O golpe de Estado empurrou a Florencio ao exilio, mais, lonxe de deixar atrás a Terra, levouna na maleta e seguiu traballando a reo por ela», engadiu Ortega.
Continuidade en Poio
O acto de onte terá continuidade esta tarde no Centro Cultural Xaime Illa Couto, en Raxó (Poio), coa inauguración da mostra Cantámola en galego! A canción en galego no século XXI, ao tempo que será a primeira parada do contacontos musicado que Polo Correo do Vento levará a 35 concellos da provincia da man da Deputación.