
Esta edición afondará na programación ao sector profesional
19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O lema escollido para esta edición do Culturgal, 15 anos cos fíos da cultura, é toda unha declaración de intencións, ao tempo que deixa claro o seu compromiso coa cultura galega. Deste xeito, entre o 24 e o 27 de novembro, desenvolverase unha intensa programación que, no caso da dirixida aos profesionais, adquire un corpo destacado cun panel de trinta actividades nas que están implicadas boa parte das asociacións sectoriais e profesionais que operan na cultura galega.
Así se puxo de manifesto este venres na presentación da que será a décimo quinta edición do Culturgal, unha cita na que un dos retos que formulados pola directora da feira, Eva Alonso, será mellorar e afondar máis naquela oferta dirixida a entidades e profesionais. Esta programación terá un espazo físico propio con faladoiros, mesas redondas, obradoiros, sesións formativas, foros e presentacións de informes.
A programación, de feito, arranca o xoves cunha xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia, que organizan Escena Galega e AGEM coa colaboración da Xunta de Galicia. Pola súa banda, entre o venres e o domingo, na programación deste espazo atopanse dende propostas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou Asociación de Actores e Actrices de Galicia ata intervencións do Consello da Cultura Galega, da Asociación de Directores de Escena de España, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, da Academia Galega do Audiovisual ou de Agadic, entre outros participantes. De igual modo, o Espazo Profesional será o escenario do acto de celebración do 15 aniversario da Feira, o domingo a mediodía.
A deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, animou a poboación a acudir a esta Culturgal recordando que o stand da Deputación de Pontevedra será un paraugas para as propostas culturais dos concellos da provincia. No caso do stand do Concello de Pontevedra, apuntou Carme Fouces, mostraranse os proxectos culturais máis destacados da cidade e animarase ao público a participar no “banco de voces en galego” destinado aos aparellos electrónicos.
O secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, remarcou que a mirada profesional ten que «ser a vocación do Culturgal, para que profesionais e entidades coñezan propostas de produción, distribución... alén de que siga sendo o gran escaparate da cultura galega para o público xeral».
Así, no eido literario, o Culturgal reúne os nomes protagonistas da creación literaria do país e dispensarase unha homenaxe a Helena Villar Janeiro polos seus «50 anos de poesía e compromiso», mentres que o Espazo Arte buscará impresionar ao público coas súas propostas. E todo isto sen esquecer a programación cinematográfica e musical da feira.