Grande Amore, xunto con Antía Molino, Néboa e Berto, actuará hoxe no Culturgal
26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.De primeiras, sorprende a hora da entrevista. Nove e media da mañá, algo atípico ao halo de lenda que soe rodear aos artistas. Mais, como el mesmo di, «a verdade é que me levanto sempre cedo. A esta hora xa estou funcionando. Teño horario máis de comercial que de artista». Grande Amore, o alter ego de Nuno Pico (O Valadouro, 1995), participará este sábado no Culturgal xunto con Antía Molino, Néboa e Berto no festival #CulturgalSon15, evento auspiciado pola Xunta e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais).
—Antes de nada, teño un certo temor a esta entrevista, quen lle coñece me di que ao mellor me saes por «peteneras»?
—(risas) Tentarei controlarme.
—Como vive o que será o seu primeiro Culturgal?
—Preséntase bastante interesante. Estamos cos últimos da xira deste disco e faime moita ilusión. Fun varias veces ao Culturgal como usuario, digamos, e agora ir tocar con outros grupos que, como Néboa, me molan moito é impresionante.
—Fala do disco, como foi a recepción agora que se pode ver dende a distancia?
—Mellor do que esperaba, iso seguro. Tivo moi boa acollida e levounos a sitios cos que, sinceramente, non contaba. Non é que funcionase dentro de Galicia, que tamén, pero fai pouco fomos a Huesca, Valladolid, tocamos varias veces en Madrid, Barcelona... Está tendo un recorrido inesperado porque, como eu sempre digo, son moi cenizo. Sempre penso cando vou sacar cancións que non as vai escoitar ninguén. Con que funcionen un mínimo de ben, eu xa alucino. E neste caso, funcionou máis que un mínimo. Se o seguinte funciona igual doume cun canto nos dentes.
—E todo isto aderezado cun Martín Códax da Música.
—Si, efectivamente. É destas cousas coas que non contaba eu. Este tipo de cousas, no meu caso, fanme graza, pero non de risa. Non sei valorar canto vai cambiar o meu futuro inmediato cando me dan un premio. Sen embargo, cando foi o do Martín Códax, a miña nai alucinaba. Para ela era como si ganase un Oscar. Era como si: «Ah! Vale, agora, si. Isto si que mola. Entonces si que está ben». Dende aquí, grazas Martín Códax por facer que a miña familia me aprecie.
—Imaxino que a súa nai non será como a de Evaristo, o cantante de La Polla Records, que non acudiu a un dos seus concertos ata que se rodou o documental «No somos nada».
—Non, non. Tanto a miña nai como a miña irmá foron. Cantar para xente coñecida sempre dáme vergoña, pois imaxina facelo para alguén da miña familia... Buf! Dáme un pánico! Pero eu agradézollo.
—Como se presenta a nova xira?
—Gústame ser cauto, pero se funciona igual como ata o de agora, quedo contento. Este ano foi moi bo e con que isto se manteña, estaría agradecido á vida moitísimo.
—Voltando ao Culturgal, como valora unha proposta destas características?
—Máis tiña que haber. É algo super necesario e interesante. Non é que sexa só un espazo de concertos porque ten toda a parte editorial, actuacións... É unha mestura de disciplinas que permite chegar a máis xente. O feito de que exista esa fusión é darlle un valor a todo... Isto é cultura.
—Alude a que fan falla máis iniciativas, pero que destacaría da escena musical galega.
—Non sei a impresión que pode dar dende fora, pero o que se pode considerar a escena musical galega nunca a vin mellor. Tamén é certo que non é que eu leve aquí cincuenta anos. Dende a miña propia experiencia, e falando do que eu escoitaba dende pequeno, están convivindo moitos proxectos que levan anos funcionando, como poden ser Ataque Escampe ou Sés, que eu crieme escoitando a esta xente, con outros proxectos que están conectando cun público que eu antes era raro que o vise tan vinculado á musica galega. É o fenómeno Tanxugueiras, que obvia dicir que son as que máis están chegando, pero tamén Fillas de Cassandra ou Baiuca. Hai unha variedade estilística enorme que está tendo máis aceptación que nunca. Tanto calado popular nunca llo vira á música de aquí e esperemos que vaia a máis. Ogallá dentro de cinco años acordémonos disto e pensemos que mal estábamo daquela e que ben estamos agora.
—Fala dalgúns grupos cos que se criou, pero que se sinte ao compartir espazo con eles, como é o caso de Ataque Escampe.
—Para min é unha loucura. Penso que con Sés aínda non coincidín en ningún festi, pero, por exemplo, Ataque Escampe, que foi un dos grupos que me marcaron na miña vida, sacaron unha canción nova e invitáronme a aparecer nela... É unha loucura. Eu que sempre fun moi mitómano que un grupo que me molase me chamase... De pequeno, na miña cabeza sería como si estivese na mesma liga que Spiderman. Sería como entrar nun universo mitolóxico no que pensaba que «seguro que viven nun castelo e van con alfombras voadoras. Que marabilla será a súa vida!». Logo medras e dáste de conta que o mundo da música é cero glamuroso, é como calquera outro traballo. Poder compartir cartel ou colaborar con esta xente é unha fantasía feita realidade.