As visitas do Apalpador pola provincia de Pontevedra arrancan o 19 de decembro

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

04 dic 2022 . Actualizado a las 14:43 h.

Un ano máis, O Apalpador non faltará a súa cita co Nadal na provincia visitando ano preto de medio centenar de concellos da man da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, e enmarcado na oitava edición do programa Nadal en Galego que impulsa o departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega, esta tradicional figura do Nadal recorrerá os concellos de Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Pontecesures, Portas, Cuntis, Caldas, Dozón, Agolada, A Estrada, Forcarei, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Lalín, Salceda de Caselas, O Porriño, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomaior, Mos, Poio, Barro, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Oia, Gondomar, Nigrán, A Cañiza, Salvaterra, As Neves, Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, Arbo, Tomiño, e Tui.

Deste xeito, o número de visitas do Apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público. Nesta ocasión, os recorridos comezarán o vindeiro de 19 de decembro programándose pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados. Agás os primeiros días que hai clases en horario de mañá, a intención é programar dúas sesións pola mañá e outras tantas pola tarde ata o 4 de xaneiro, agás os días de Nadal e Aninovo.

Dende a Deputación destacaron que, «como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor». Así, precisaron que o programa Nadal en Galego, «foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galicia e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia».