A contribución do Museo de Pontevedra á reconstrucción da fachada «mateana» da catedral de Santiago

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

cedida

O investigador Francisco Prado-Vilar, que recentemente descubriu «documentación que demostra que as dúas esculturas do tímpano do mosteiro de Carboeiro (Silleda), que actualmente se atopan no Museo Marés de Barcelona, foron roubadas en 1957», ofrecerá esta tarde unha conferencia no Edificio Castelao

13 abr 2023 . Actualizado a las 13:15 h.

Baixo o título de O tesouro dos arquivos: investigación, descubrimentos e o futuro do patrimonio de Galicia, Francisco Prado-Vilar, investigador distinguido da Universidade de Santiago e do Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas (CISPAC), ofrecerá esta tarde unha conferencia no Edificio Castelao. A través do seu relatorio, «percorrerá algúns dos descubrimentos recentes realizados froito da investigación en arquivos documentais e fotográficos, entre os que están os do Museo de Pontevedra», destacaron desde esta última institución.

Entre outras cuestións, incidirá na importancia destas investigacións, tanto para axudar nos procesos de recuperación de obras espoliadas e a súa reintegración ao patrimonio público, como para coñecer aspectos novos da súa relevancia histórico-artística. Un exemplo disto é «a reconstrución completa da fachada mateana da catedral de Santiago coa reintegración de todas as súas esculturas dispersas aos seus lugares e significados orixinais, incluídas as figuras dos profetas Enoc e Elías que hoxe forman parte da colección do Museo de Pontevedra, grazas aos esforzos de estudosos como Filgueira Valverde, Sánchez Cantón e Chamoso Lamas».

De igual modo, Prado-Vilar exporá como o traballo en fondos arquivísticos contribuíu a revelar episodios descoñecidos da historia do patrimonio galego, como as miniaturas perdidas do Códice Calixtino e as estatuas dos profetas do mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria. Neste eido, o propio conferenciante realizou un recente descubrimento de «documentación que demostra que as dúas esculturas do tímpano do mosteiro de Carboeiro (Silleda), que actualmente se atopan no Museo Marés de Barcelona, foron roubadas en 1957».

Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago, co premio extraordinario de licenciatura, a produción científica de Francisco Prado-Vilar «distínguese pola súa diversidade temática, carácter interdisciplinar e enfoques teóricos innovadores, explorando problemas históricos relevantes para a sociedade contemporánea e novos horizontes de coñecemento».