Na xornada de onte, Manuel Lois, de Mirón, fíxose cun exemplar que medía 43 centímetros e pesaba 806 gramos
21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Este domingo, e despois da xornada de onte, a Festa da Troita de Ponte Caldelas, que alcanzou a súa edición número 55, botará o telón cun intenso programada de actividades. Estas arrancarán ás nove da mañá co inicio do Concurso de Pesca Feminino, Xuvenil e Infantil, mentres que ás 12 do mediodía procederase á apertura do stand de degustación de troitas na Alameda, xa sexa fritidas ou en escabeche.
Dende o Concello de Ponte Caldelas destacaron o feito que, na sesión de onte, Manuel Lois, de Mirón, no marco do Concurso Internacional de Pesca, fíxose cunha troita que medía 43 centímetros e pesaba 806 gramos. O exemplar foi capturado entre o regato de Coveliño e o embalse, no Río Verdugo
A esa mesma hora, está programado un pasarrúas coa Banda de Música de Meaño, mentres que á unha da tarde está programada a entrega de trofeos do concurso de pesca. Non hai que esquecer que o sábado desenvolveuse o certame sénior e veterano.
Ás 13.30 horas está programado un concerto da banda de música na propia Alameda.
En canto á sesión vespertina, esta arrancará ás 19 horas coa reapertura do stand de degustación, momento no que comezará a segunda edición do festival Troita Folk Cantos de Taberna coa participación de Aires da Castrelada, de Ponte Caldelas, e os pontevedreses de Cantanascroas (Salcedo) para rematar cun concerto de Coribantes Folk.