![](https://img.lavdg.com/sc/7d0n2-USLY9TIcFvwpEAmU89GNA=/480x/2023/09/15/00121694796962384909574/Foto/PS16C10F3_185514.jpg)
Este venres, O Garaxe Hermético presentou os seus novos cursos profesionais de banda deseñada e ilustración no Teatro Principal de Pontevedra. Deste xeito, o alumnado foi recibido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o claustro de mestres, acto no que tamén se entregaron os títulos de Fin de Curso ao alumnado que rematou este ano e o Premio de Fin de Curso a Lucía Rodríguez Cid pola súa obra Dinocarreiras.
De igual xeito, entregáronse as Plumas de Ouro a Alba Chan e Hadrián Jamardo, que se beneficiarán de media matrícula gratuíta no curso 2023-24 gratuíta, e as Plumas de Prata a Sara (Sardiña), Manuel Rial e Gael.
En canto ao calendario previsto, o curso profesional de BD en período semanal arrancará este luns, mentres que o dos sábados farano o 16 de setembro. O 2 de outubro empezará o de creación literaria e ilustración, mentres que tres días despois darán comezo as clases extraescolares de Manga e as de cómic e ilustración botarán a andar o 6 de outubro.
Durante a presentación do novo curso académico, o claustro de mestres conformado por Kohell, Miguel Porto, Fernando Llor Fonso Barreiro, Zaida Novoa e Kiko da Silva, deu as directrices do funcionamento, ao tempo que expresou algunhas reflexións para que os alumnos aborden este ano de formación. «Hai case 12 anos, cando abrín O Garaxe Hermético, tiñamos como obxectivo lograr que os nosos alumnos publicasen. Pouca xente nos creu e moitos nos chamaron inxenuos... pero 43 libros individuais e colectivos máis tarde, e con moitos nomes de creadores/as da bd galega saídos dende as nosas aulas enchendo os andeis e gañando premios (...) demostrou que aquela idea non era tan tola», remarcou Da Silva.