No marco da vindeira edición do Culturgal, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Pontevedra, do 1 ao 3 de decembro, Leilía ofrecerá un dos seus últimos concertos. Será o sábado, 2 de decembro, ás 21 horas, e as entradas xa están á venda na web da feira cultural a un prezo de 16 euros (19 na billeteira).
Esta actuación será dos eventos centrais do Culturgal, cita que «se avanza cargada de actividades diversas e representativas da variedade das culturas galegas». Neste eido, dende a organización destacaron que «as pandeireteiras Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez encetan o tramo final da súa xira de despedida, Anque me vou non me vou, tras máis de tres décadas sobre os palcos». Así, «para dicir adeus como se merece, Leilía ofrece un espectáculo que percorre a súa traxectoria, que é tamén unha andaina pola nosa historia musical, pero vista cos ollos do ano 2023».