Ana Acuña, coordinadora do Programa de Maiores da UVigo en Pontevedra: «Supón un espazo de sociabilidade, un pouco como as tertulias de hai anos»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ana Acuña, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, é a coordinadora do Programa Universitario de Maiores no campus
Ana Acuña, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, é a coordinadora do Programa Universitario de Maiores no campus Ramón Leiro

A docente anima aos que teñen máis de 55 anos a vencer o medo e matricularse

11 mar 2024 . Actualizado a las 10:48 h.

A docente Ana Acuña Trabazo (San Xulián-Marín, 1971) é a coordinadora do Programa Universitario de Maiores (PUM) no campus de Pontevedra. Ela viu nacer esta iniciativa formativa da Universidade de Vigo. Anima aos maiores de 55 anos a perder o medo e probar cun programa que vai máis alá do académico. Debulla os dous niveis, materias e outras cuestións.

—O programa é maior de idade na Universidade de Vigo. Naceu hai máis de vinte anos.

—Si, naceu no curso 2002/2003 e eu empecei daquela. Cando comezou o programa nacín eu na docencia tamén.

—¿Está consolidado?

—Penso que si. O feito de que se manteña e de que vaia evolucionando o plan de estudos conforme á evolución da sociedade di que está vivo.

—¿En que consisten as súas funcións como coordinadora?

—Encárgome de todo o que ten que ver coa docencia, profesorado, os horarios, os espazos... Eu a matrícula non a levo, pero temos unha persoa no campus que si a leva, temos o que se chama PAS, un persoal de administración, que agora vai cambiar, encargado da matrícula. Pero todo o que ten que ver co alumnado e profesorado do campus son eu a responsable, por así dicilo.

—O PUM é un programa académico, pero ten un compoñente social que non sei se é tanto ou máis importante. ¿Que opina?

—Eu creo, como dis, que case é máis importante porque supón un espazo de sociabilidade para o alumnado. Ese espazo de sociabilidade é o que acaba creando tamén coñecemento, aprendizaxe, un pouco case como o que eran as tertulias de hai moitos anos. Creo que aquí o intercambio entre o propio alumnado, entre alumnado e profesorado crea ese espazo axeitado para aprender porque fomenta a participación, potencia e dinamiza o que foron e o que son e axúdalles a fomentar inquietudes, a compartilas, que no fondo diso se trata. Se non hai un lugar para proxectarse, as veces é un momento vital complicado... Posibilita e facilita moito entre eles e incluso co alumnado máis novo. Nese sentido é un labor moi importante a esta idade, tendo en conta a situación vital de cada persoa.

—O requisito para participar é ter como mínimo 55 anos. ¿Algún máis?

—Si, incluso se logo quedan prazas libres, por exemplo no integrado, pode baixar un pouco a idade aos 50.

—¿Cantos alumnos hai este curso no programa?

—En total hai 106 estudantes no PUM do campus de Pontevedra. Por niveis, hai 99 estudantes cursando o nivel intensivo e 13 cursando o nivel integrado. Destes 13 estudantes do nivel integrado, 6 estudantes tamén cursan materias do intensivo e 7 só están no integrado.

—En xuño do 2022 nacía no campus unha Cátedra de Idadismo impulsada desde a iniciativa pública e a privada. O seu obxectivo, combater a discriminación por idade. ¿Manteñen algún tipo de colaboración con eles?

—De momento non temos unha colaboración directa, pero si que sabemos das actividades e estamos atentos ao que sei fai. Claro que compartimos moitas cousas.

—O programa ten dous niveis. No integrado comparten aula con alumnos mozos de grao. ¿Ten máis dificultade académica e por iso hai menos alumnos ou non?

—Diría que maior dificultade non. O que require é que o horario do grao é diferente do que ten o nivel intensivo. Maior dificultade non porque tense en conta o tipo de alumnado e non está obrigado a facer un exame. Si é un horario distinto e igual para os que cursan o grao e é unha carga horaria maior. Os que están indo si que teñen interese. Hai varias persoas en Belas Artes, que ofrece varias materias ao alumnado. Interese hai, pero o horario é distinto.

—Membros da asociación Asaexs comentaban que si hai certo respecto a estar con xente nova na aula e que non poden competir no manexo da tecnoloxía.

—É certo. Penso que hai ese medo e eu, poñéndome no seu lugar, igual tamén o tería. Pero vaia, é algo que dalgunha maneira pode ter calquera persoa ao descoñecido, a non ser capaces de seguir o ritmo. Eu, a miña idade, noto que a miña capacidade de memoria vai a menos, que non tes a mesma velocidade de retentiva... É algo que nos pode pasar a todos, por iso eu quitaría o medo. Hai que ser consciente de que temos outra idade, a min fáltame pouco para poder entrar no programa, que leva aparellada fisicamente cousas.

«Ofértanse 42 materias no intensivo e no integrado, 45»

 

A coordinadora fala da súa propia experiencia no programa e da oferta deste curso.

—¿Que comentan os alumnos da experiencia?

—Creo que o feito de ser capaces de facer as materias é unha satisfacción. O que contan, porque eu tamén ofrezo unha materia no integrado, é a importancia da interxeracionalidade á hora de compartir experiencias cos novos, ese intercambio é riquísimo, tanto para os novos como para eles e o propio docente.

—¿Que materia imparte?

—No grao a que teño aberta, porque iso depende do profesorado, é unha materia de 3.º de Educación Infantil que se chama Lingua e literatura galega. E ten unha parte de sociolingüística moi interesante á hora de compartir experiencias entre alumnado novo e non tan novo. Moitos deles non tiveron a educación en galego que hai agora, o galego non estaba no ensino como agora, teñen a memoria doutros tempos nos que os prexuízos do galego aínda estaban máis presentes que agora. Ese intercambio e ese ver a evolución dos seus pais e avós é riquísimo. Claro que dá medo, dá medo o descoñecido e estar en clase con xente da idade dos seus fillos ou netos. Vencer o medo e darse conta de que es capaz é unha satisfacción moi grande.

—¿Cantas materias se ofertan?

—Son 42 no intensivo, e no integrado, 45. No integrado é o profesorado quen oferta as materias. No intensivo ten que haber materias dos diferentes ámbitos nos tres campus. Cando non temos un profesor da UVigo buscamos unha persoa adecuada externa.

—¿Hai saídas no programa?

—Si. Moitas materias inclúen na súa guía docente saídas de estudos. É algo que depende de cada docente. Logo toda a actividade cultural que haxa no campus ou na Universidade eu introdúzoa e intento dar esa información para que a teñan. Hai unha parte interesante que ten que ver coa unidade de cultura científica, que conta con nós para o que se chama Embaixadores da ciencia. O ano pasado participamos na Noite Galega das Persoas Científicas con alumnado e profesorado e tamén en Pontenciencia.

—¿Por que hai moitas máis mulleres que homes?

—Segue sendo así e en todos os campus. Nun artigo teu do 2015 dicían eles que as mulleres tiñan máis inquietudes. É de valorar porque a muller ten máis cargas.