Formada no Garaxe Hermético de Pontevedra, acaba de adaptar ao cómic o icónico «Memorias dun neno labrego»
13 mar 2024 . Actualizado a las 19:54 h.«Eu son... Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre». Posiblemente, este é un dos arranques máis coñecidos da literatura galega, o de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Unha obra universal que acaba de estrear a súa adaptación ao cómic da man de Iria Aldegunde e a editorial Galaxia.
Aldegunde, aos seus 23 anos, é unha nova demostración da fecunda canteira de artistas que sae de O Garaxe Hermético, Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración que impulsa Kiko da Silva en Pontevedra. «A miña avoa di de broma que nacín cun lapis na man. Non recordo cando comecei. Levo debuxando toda a miña vida e gustábanme os cómics dende pequena. Foi a miña nai quen, máis ben, me presentou o mundo do que no mundo do marketing chámase novela gráfica con Maus e Persepolis».
Tiña uns 11 anos e ata ese momento a artista nunca tivera contacto con este tipo de libros: «Nunca na escola me mandaron ler un cómic e no instituto tampouco. Era no club de lectura e de vez en cando. De pequena non dicía que me gustaba facer cómics porque, aínda que hoxe hai outra visión, daquela era un pouco raro. Hoxe en día, está un pouco máis aceptado. Quería facer cómics pola miña conta», insiste ao respecto.
Iria Aldegunde empezou Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela e, tras cursar un ano, decidiu trasladar a matricula á UNED e inscribiuse en O Garaxe Hermético para formarse de xeito profesional no mundo da banda deseñada.
Ten claro que o seu paso por esta escola supuxo «un aumento de nivel, a profesionalización dun hobby e obter un coñecemento que non tería obtivo doutro xeito e, dende logo, non tan rápido. Ao mellor o que aprendín en tres anos teríao aprendido en quince», engade precisando que «o que eu comecei facendo cando entrei no Garaxe co que fixen agora non ten comparación. Foron amigos, foron profesores, foron leccións de vida... E moito, moito traballo porque son clases nas que te tes que poñer moita parte de ti, é moi práctico», resalta.
Sobre o instante no que decidiu adaptar Memorias dun neno labrego, Aldegunde apunta que «non houbo un momento concreto no que eu dixese: ‘Sería perfecto facer unha adaptación xa'. Simplemente fora un libro que lera moitas veces ao longo dos anos e ao que con 20 volvín. Normalmente, eu non releo os libros dada a cantidade inmensa de literatura que hai, pero este é un dos libros que se quedara comigo», sinala apuntando que tiña 11 ou 12 anos cando tivo o seu primeiro encontro con Memorias dun neno labrego, «a idade de Balbino, e volvín con 20 anos, a idade de Eladia. Dinme de conta de que comprendía mellor moitos temas, o que seguramente me seguirá pasando cando o volva ler no futuro».
Tras precisar que sempre que le venlle imaxes á cabeza, Iria Aldegunde lembra como, no seu primeiro encontro con Balbino mandáronlles facer un debuxo por parellas. «Era do capítulo do Xudeo, aínda que eu quería facelo do de Pachín porque era o meu favorito», remarca para precisar que cando, máis dunha década máis tarde, decidiu adaptar á banda deseñada Memorias dun neno labrego regresou a aquel debuxo.
Primeira adaptación
«Hai textos como A Esmorga que non teñen unha, senón dúas adaptacións e de Memorias non había ningún tipo de adaptación, o que me chamou a atención polo que me dixen que ‘podo intentar facer un proxecto de banda deseñada que sexa unha adaptación' e foi así como empecei», apunta. Deste modo, realizou un guión, un storyboard e unhas cantas páxinas coas que confeccionou o proxecto que presentou en Galaxia, editorial que lle deu luz verde.
Botando a vista atrás, asume que o máis complicado de adaptar unha obra literaria tan asentada no imaxinario colectivo galego como Memorias dun neno labrego ven da «presión de que non queres decepcionar a ninguén, de ser fiel ao texto, de saber que era a primeira vez que lle poñían unha cara máis concreta a Balbino... Hai artistas que xa o debuxaran, como Isaac Díaz Pardo, que foi a miña primeira referencia para facer a Balbino, con esa imaxe icónica de Balbino cos dous bois».
En todo caso, o reto foi aínda maior cando asumiu que se trataba de «introducir a Balbino a unha nova xeración. Quería que todo fose moi fiel á experiencia que se describe no libro. Fixen un traballo de documentación enormísimo», conclúe.
Máis comedida amosase cando se lle pregunta polos seus vindeiro proxectos, xa sexa a corto, medio ou longo prazo. «Hai varios proxectos —recoñece—, pero como tampouco sabes cal poder saír adiante e, mesmo se acabas un, cal te poden editar, sempre digo: ‘Si, estou traballando en cousas'. Cales se van ver? Iso está por ver».
Iso si, Iria Aldegunde incide en que está a facer «un curso de ilustración porque tamén me gusta moito este mundo e quería aprender máis. Se podo ser unha estudante para toda a vida, sería o meu soño. Esta é a parte que fai que queira seguir facendo cómics, curiosidade. Sen curiosidade non podería vivir. Aínda que non sexa unha educación con títulos porque estamos nun mundo no que cada vez serven para menos, seguir formándome é esencial para min. Gustaríame probar outros formatos, outro tipo de libros, outro tipo de cómics».