Unha conferencia adentrase na obra de Asorey existente no Museo e na cidade de Pontevedra
![Alfredo López Penide](https://img.lavdg.com/sc/NKpMGimiaSDk5tloIymUM6TzPsk=/75x75/perfiles/175/1623322863108_thumb.jpg)
PONTEVEDRA
![](https://img.lavdg.com/sc/Xi_w2J_djLhncG9nCgf_S2sRYZc=/480x/2024/04/16/00121713256982308918149/Foto/P_20240416_102849000.jpg)
Maribel Iglesias Baldonedo abordará «as claves da traxectoria do escultor e as principais influencias artísticas que recibiu»
17 abr 2024 . Actualizado a las 17:16 h.Con ocasión da conmemoración do Día das Artes Galegas, que este ano adícase a Francisco Asorey, o Museo de Pontevedra acollerá este xoves (19.30 horas) unha conferencia centrada no escultor de Cambados e impartida pola profesora Maribel Iglesias Baldonedo baixo o título de A obra de Francisco Asorey no Museo e na cidade de Pontevedra.
No relatorio, Iglesias Baldonedo fará «un percorrido pola abundante obra de Francisco Asorey que existe no Museo e na cidade. Son pezas de todas as súas etapas artísticas, polo que o percorrido permitirá explicar as claves da traxectoria do escultor e as principais influencias artísticas que recibiu».
![](https://img.lavdg.com/sc/x1jYXID1QBNr68d7dSwbJPvdK8Y=/480x/2024/04/16/00121713256981957162188/Foto/P_20240416_102826000.jpg)
De feito, hai obras no Museo de Pontevedra que se corresponden coa súa estancia en Madrid, nos inicios da súa carreira. Outras, como a escaiola de Naiciña ou o Tesouro son da etapa dos anos 20, xa en Galicia, e na que triunfa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de Madrid e vese moi influído polo ideario das Irmandades da Fala, destacaron dende a Deputación de Pontevedra, ao tempo que precisaron que «o busto do violinista Quiroga corresponde tamén a esta etapa».
Pola súa banda, o busto de Calvo Sotelo ou o Monumento a Cabanelas corresponden á etapa final, que coincide coa posguerra e chega ata o 1961, ano non que morre.
En canto a Maribel Iglesias Baldonedo, dende o Museo precisaron que nada en Caracas, Venezuela, en 1964, é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de secundaria no IES Francisco Asorey, de Cambados. «Interesada na historia local, en 2005 realizou, xunto a alumnado e profesorado do centro, o traballo Cambados, 100 anos de historia a través da fotografía, que obtivo un premio á innovación educativa da Xunta de Galicia».
![](https://img.lavdg.com/sc/DLiUZ4oSPglKIgsIZv5fvv4c5kg=/480x/2024/04/16/00121713257101434113618/Foto/A16E9309.jpg)
De igual modo e nesa mesma liña «seguiron os libros Ramón Cabanillas, biografía en imaxes (2008) e Francisco Asorey, escultor galego (2018), publicado a partir da súa tese de doutoramento».
A docente constituiu, xunto coa familia Gil de la Peña e De Laiglesia Gil, a Asociación cultural Amig@s de Fefiñáns, da que é presidenta. O seu obxectivo, «estudar, protexer e divulgar o patrimonio do Pazo de Fefiñáns e da súa contorna, que é todo O Salnés. Nesa liña vai a publicación do libro Pazo de Fefiñáns. Historia e arte en 2021». Ademais, este colectivo edita semestralmente baixo a súa dirección un boletín, O Umia, con artigos variados e de colaboradores de prestixio, sobre o patrimonio histórico, artístico, científico e natural do Salnés.