Animan dende Pontevedra aos nenos a desvelar «os segredos que agochan os contos»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

A Deputación Provincial, epicentro dos actos do Día do Libro

25 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día do Libro foi unha xornada certamente especial na Deputación de Pontevedra despois de que este martes, 23 de abril, un nutrido grupo de escolares do colexio Froébel tivese ocasión de asistir a un contacontos no vestíbulo do Pazo Provincial. Caxoto e Marc Taeger foron os encargados de conducir esta actividade.

Previamente, o presidente da Deputación, Luis López, animara aos rapaces a descubrir «os segredos que agochan os contos». Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o mandatario presentouse ante os alumnos do primeiro ciclo de Primaria con os contos favoritos das súas fillas, Adivina cuánto te quiero e Fiz, o coleccionista de medos, mentres que Cubela, que celebraba a súa onomástica, fixo o propio con A galiña azul, de Carlos Casares.

RAMON LEIRO

«Cando sexades maiores ídesvos lembrar sempre do primeiro libro que lestes, así que anímovos a que leades moito», trasladoulles Luis López rodeado de estantes cheos de libros, contos e ilustracións infantís.

Con este acto, a Deputación de Pontevedra puxo en valor a importancia das librarías da provincia como uns espazos «cheos de historias e aventuras», sinalou, pola súa banda, Jorge Cubela. «A Deputación é a casa de todos os pontevedreses e pontevedresas, pero tamén é a casa dos libros», acotou o presidente provincial.

A institución complementou este acto coa posta a disposición da cidadanía da provincia dun espazo na páxina web do organismo provincial cos mellores libros infantís que recomendan as editoriais de Galicia, así como habilitou a actividade Crea o teu primeiro libro. Esta iniciativa está pensada para os máis pequenos da casa xoguen a ser escritores e a escribir as súas primeiras historias.

RAMON LEIRO

Marín e A Lama

Pola súa banda, o Concello de Marín presentou a décima edición de Unha dorna de libros, un mar de ilusión, de tal xeito que todo aquel interesado pode achegarse á Alameda de Marín o 28 de abril de 10.00 a 20.00 horas para coller os libros que lle interesen.

No caso da Lama, o CEIP desta localidade organiza o primeiro Encontro Escolar Letras na Praza, no que participarán os colexios de Fornelos, Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e a propia A Lama.