O vello roqueiro que se resiste a ver extinguida a esencia deportiva do fútbol modesto

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Manolo Rubio, coa equipación do Albariño Veteranos no campo cambadés do Pombal, onde xoga o equipo.
Manolo Rubio, coa equipación do Albariño Veteranos no campo cambadés do Pombal, onde xoga o equipo. Martina Miser

Con tres décadas no seu club, Rubio é a hipérbole da paixón e da vella camaradería arredor dun balón

29 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cando moitos se retiran, a outros nos entra a loucura de querer xogar seguido». José Manuel Oubiña Fariña, Manolo Rubio para os moitos que o coñecen en Cambados e no mundo do fútbol modesto do sur de Galicia, adiántase a ese por que que inevitablemente emerxe ao escoitar as aceleradas aventuras deportivas que desde os 30 anos foi acumulando como parte do seu patrimonio máis querido. Unha carreira das que non se escriben no papel ata que o tempo completa o círculo cun final redondo, pendente xa só dun epílogo que, con todo, non mudará o valor dunha desas historias fóra dos focos que a duras penas permiten defender hoxe que o fútbol segue a ser un deporte, e non esa actividade mercantil e fachendosa, tan vistosa coma carente de alma colectiva, na que leva xa tanto tempo convertida.

«O fútbol veterano hai 30 anos era moi diferente, había camaradería», conta Manolo Rubio con coñecemento de causa aos seus 61 anos. Apaixonado do deporte desde rapaz, foi un dos poucos, senón o único mozo do seu pobo que pode dicir que compaxinou os equipos xuvenís dos dous grandes clubs de Cambados, o Xuven de baloncesto e o Juventud de fútbol. Mais non foi ata roldar a idade na que moitos se retiran da que fala o arousán cando comezou a vivir para o deporte, que nunca do deporte. Con 30 anos, a idade fixada pola normativa, puido sumarlle á práctica do fútbol sala, a disciplina que máis lle gusta, di, e ao fútbol afeccionado o fútbol veterano, enrolándose no Albariño do seu pobo para non deixar de vestir a súa camisola: «Pola semana xogaba en varios campionatos de fútbol sala, en Mosteiro (Meis), na Illa, en Cambados..., os sábados o de veteranos e os domingos o de afeccionados. Houbo semanas nas que teño xogado os sete días. Moitísimas, cinco».

O físico e o ambiente que rodeaba aqueles torneos eran o combustible que alimentaba a caldeira de Rubio. Cando empezou no fútbol veterano, recorda, «ías ao Carballiño xogar e ao acabar o equipo rival tíñache unha comida para desfrutala xuntos, e nós tiñámoslla aquí» a modo do terceiro tempo do rugbi. Ese espírito de confraternidade, lamenta, desapareceu hai moito. «O cambio produciuse sobre o ano 2000, cando se pasou dunha liga informal, entre equipos de aldeas e de localidades pequenas e medianas e fíxose unha liga máis regrada, na que os xogadores era máis competitivos», apunta quen se confesa o máis competitivo do mundo, pero coa premisa de querer gañar non só no campo, senón tamén fóra del.

«No noso equipo», un Albariño Veteranos que vén de cumprir 40 anos, «somos seis ou sete os que roldamos ou fixemos os 60. Cando o sábado non temos partido andamos apapaustiados pola vila. Sempre agardamos o sábado polo partido, pero tamén para tomar algo despois no bar», porque cando comezaron nisto, os equipos de veteranos eran máis irmandades dunha gran confraternidade ca clubs. Moi lonxe do que Manolo Rubio ve hoxe na inmensa maioría dos moitos equipos que hai.

«Antes xogabamos en terra e con lama ata os xeonllos. Os rapaces agora cando o campo está pesado xa protestan», lamenta o cambadés, para concluír: «A xente de agora non ten o compromiso que tiñamos antes. Agora hai internet, Whattsapp, e segues sen saber quen vén e quen non vén aos partidos ata que estás xa no campo. Calquera cousa serve agora para non vir xogar, que se a prima da prima da miña irmá ten unha comida... Eu, o día da Confirmación do meu fillo cheguei cando xa rematara a cerimonia».

El mesmo viviu todo isto durante un tempo no seu equipo, o Albariño, no que ademais de 31 anos de futbolista, leva exercendo de «aliñador», aclara para non confundir coa inexistente figura de adestrador, desde pouco despois de chegar ao club. «Houbo momentos nos que estiven por tirar a toalla». Non o fixo por dúas razóns. A primeira e fundamental, que o único home máis veterano ca el no Albariño, o seu presidente e fundador, Francisco Trigo Bugallo, segue ao pé do canón aos seus 78 anos. A segunda, que «agora temos un grupo de chavais novos, algúns máis cós meus fillos, que están tirando do carro» na boa dirección. A que apuntan xestos como a conxura que todo o vestiario do Albariño protagonizou no 2017 para que un compañeiro, ao que en xaneiro lle diagnosticaran un cancro, puidese erguer xunto ao presidente do club o trofeo de campións da Copa, «e conseguímolo, gañándolle un equipo de segunda división —na que hoxe seguen a militar— 4-1 a un rival da División de Honra». Un grupo humano no que, ao contrario ca na inmensa maioría do resto de escadras veteranas, desvela Rubio, non hai leas por xogar cando cadra presentárense vinte ou máis a un partido e no que os máis vellos, lonxe de tirar de antigüidade, son os primeiros en deixar oco aos máis novos o día que cadra exceso de persoal. No seu caso, completando o pasado verán a retirada paulatina dos campos nos tres últimos anos, aqueixado de problemas nos nocellos e nun talón, a peaxe que lle cobrou a súa paixón por xogar tanto tempo coma se non houbera un mañá.