A Fundación Castelao conmemora o 80 aniversario de «Sempre en Galiza» cunha xornada no Museo de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Os actos rematarán cunha visita á exposición permanente de Castelao, así como a mostra temporal «Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías»

15 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O 28 de maio, con ocasión do oitenta aniversario da publicación en 1944 en Bos Aires, Arxentina, do ensaio Sempre en Galiza, obra de referencia do pensamento político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o Museo de Pontevedra acollerá unha xornada da Fundación Castelao. Esta iniciativa está dirixida por Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente desta institución, e comezará cunha conferencia a cargo da directora do Museo, Ángeles Tilve Jar, que falará do retorno da obra de Castelao a Pontevedra, mentres que Xosé Manuel Dasilva, catedrático do departamento de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, impartirá o relatorio As edicións, as prohibicións e as censuras de «Sempre en Galiza».

Natalia Crecente García, da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, pola súa banda, abordará o papel de Castelao na construción dunha tipografía galega e Miguel Anxo Seixas pechará as intervencións con De non sempre en Galiza a Sempre en Galiza. A xornada seguirá cunha mesa redonda que xuntará aos relatores das catro conferencias, moderada por Diana Santiago Iglesias, secretaria da Fundación Castelao.

Visita ás exposicións

E como peche, o público asistente poderá visitar á exposición permanente de Castelao, así como a mostra temporal Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías. Esta visita estará, en principio, conducida por Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, e por Xan Carballa, autor das fotografías.

Desde a Deputación de Pontevedra destacaron o feito de que Castelao viña elaborando Sempre en Galiza desde 1934, pero non veu a luz ata dez anos despois, cando o intelectual galeguista estaba xa exiliado en Arxentina. O manuscrito orixinal desta obra de referencia consérvase no Museo de Pontevedra, así como as sucesivas edicións realizadas en Bos Aires, Madrid e Vigo. «Por iso, e ao cumprirse o 80 aniversario da súa edición, promóvese esta xornada no mesmo lugar no que se conserva o manuscrito deste clásico do galeguismo para afondar no seu estudo e valoración», engadiron ao respecto.