Dende o martes e ata o sábado proxectaranse no marco da primeira edición do Festival Cine do Mar filmes, curtametraxes e documentais
18 may 2024 . Actualizado a las 17:49 h.Coa entrega o vindeiro sábado da Sardiña de Ouro, así como da Sardiña de Prata, o Rodaballo de Ouro e a Mención especial rematará a primeira edición do Festival Cine do Mar, iniciativa impulsada pola Asociación Museo do Mar de Marín e o Concello desta localidade. Durante a sesión inaugural, que se celebrará o martes pola tarde, e tras a presentación do certame, proxectarase fora de concurso Matria, de Álvaro Gago, no Cine Seixo.
Posteriormente, a partir do mércores, as actividades desprazaranse á Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Ás 19 horas, Anxo Cabada e Antón Davila presentarán A última dorna de Ons, mentres que, dende as 20 horas, desenvolverase unha mesa redonda sobre patrimonio marítimo na que participarán Antón Pousada, presidente do Grupo Cultural Ronsel, Fernando García, da Asociación Cultural Os Galos, Xaquín Fabeiro, presidente do Club Mariño A Reiboa de Combarro (Poio), e Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpinteiría de Ribeira.
Xa o xoves arrancará a parte competitiva do festival coa proxección das curtas da categoría de Ensino: Entroido 2022, As praias de Marín, Mergullo nas rías e Un tesouro nas rías, todos eles do CEIP Carballal, así como de Mar de redes, do IES Félix Muriel, U-los mariñeiros en Marín?, do CEIP Sequelo, e Mareas vivas de Lourizán, do CPR Sagrado Corazón de Placeres. Posteriormente, ás 20 horas, segunda mesa redonda sobre o Museo do Mar de Marín, na que intervirán os membros da asociación José Antonio Pérez, María del Puerto Pérez, Xosé María Vilaboa e José Manuel Pesqueira. Ás 20.30 horas, proxectarase o documental Homenaxe ás Mulleres do Mar, de Lukas Santiago.
Pola súa banda, o venres desenvolverase a categoría de novos/as creadores/as, coa de Cantiga, de Ángela Castro, Nostra In Mare Fortuna, de Álvaro Martínez, Treito, de Carolina Segovia, Dorna, de Antón Guerrero, Vogar, de Andrea de la Iglesia, e Voltar do mar, de David Pérez-Rodrigo Santiago. Ao seu remate, intervención de Marcos Gallego, director da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, un certame que traerá a proxección de Singlando do Albán, de Tito Pérez, Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco, e Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo.
Gala de clausura
O Festival Cine do Mar de Marín rematará o sábado cunha gala de clausura (19 h.) na que se entregarán os premios deliberados por un xurado conformado por Diego Santaclara e Diego M. Barcia, de Trece Amarillo; dous representantes do Museo do Mar, Lukas Santiago e Dani Antelo, director do John Balan Fest. E como remate, proxectarase Carpintaría de ribeira. Fasquiando o futuro, de Pablo Carrera e Ramón Collazo.