Kiko da Silva: «'Cando sopra o vento' é un cómic que fala dos cidadáns»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O editor de Retranca destaca que a obra de Raymond Briggs «transcendeu na vida social e na vida xeopolítica»

26 may 2024 . Actualizado a las 12:57 h.

Un dos proxectos literarios máis importantes dos últimos tempos, a tradución por primeira vez ao galego de Cando sopra o vento, un clásico da banda deseñada que firmou Raymond Briggs, xa é unha realidade. De feito, este xoves, a partires das 20 horas, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá a presentación deste volume editado por Retranca, un acto no que se proxectará o filme de animación homónimo e desenvolverase unha charla sobre a importancia da obra de Briggs a cargo de Miguelanxo Prado e o editor da obra, Kiko da Silva.

Precisamente, este último sinalou que este evento é a culminación dun proceso de dous anos «porque o libro estaba descatalogado e houbo que buscar quen tiña os dereitos», ademais de que se complicou polo feito de que, «no medio do proceso, Raymond Briggs faleceu. Houbo un impase de renegociación de certas cousas que tiñamos xa plantexadas porque o volume non sae como noutras edicións. É un libro que ten extras, un deseño diferente, é máis grande do habitual e unha entrevista de vinte páxinas de Paul Gravett, que é xornalista de The Comic Journal e que me cedeu a derradeira entrevista longa que se lle fixo en vida a Briggs. Eran uns parámetros que eu contaba que ía negociar co autor e, ao final acabei, negociando co avogado e cos representantes da familia do autor», sinala ao respecto resaltando a labor de Kalandraka, «que me conseguiu o contacto deste libro».

CAPOTILLO

Con respecto a entrevista de Paul Gravett, Kiko da Silva destaca que é inédita en Galicia e na que Raymond Briggs «non só fala de Cando sopra o vento, senón que fala de toda a súa traxectoria e creo que aporta á lectura do libro unha visión diferente. Dáste de conta de porque un autor de libro infantil acaba facendo unha obra para adultos e unha obra tan significativa e tan política. Non é habitual que un autor de libros para nenos acabe facendo un libro destas características».

O desencadéante

Da Silva confesa que foi o inicio da guerra de Ucraína o desencadéante que o levou a loitar por sacar adiante este proxecto: «Lembreime desta BD —banda deseñada— e do que supuxo para min lela con 8 ou 9 anos, que non é a idade recomendada para este libro, pero chegou a min por circunstancias, e anos máis tarde botaron pola TVG o filme, tamén nun horario infantil. Eran outros tempos nas que as imaxes debuxadas eran sempre para nenos».

Ten claro que Cando sopra o vento é un dos grandes referentes da banda deseñada, xa que «vai máis alá, xa que transcendeu na vida social e na vida xeopolítica ata o punto que conseguiu que o goberno británico cambiase normativas e leis (...). Cando vexo o inicio da guerra de Ucraína doume de conta de que é necesario ter outra vez esta BD dispoñible», engade recordando que a versión en castelán contou coa «tradución dunha xovencísima Rosa Montero, que debeu de ser un dos primeiros traballos que fixo na súa vida».

A tradución desta nova versión corre da man de Alejandro Tobar, recoñecido por ser o tradutor dalgunhas das bandas deseñadas de Astérix, polo que xa tiña experiencia no medio.

CAPOTILLO

Confrontando a época que reflexa este clásico do cómic mundial coa situación actual, Kiko da Silva está convencido de que aínda estamos en risco de vivir un episodio semellante ao que reflicte Cando sopra o vento. «Por iso creo que é importante volver a publicala. É unha novela gráfica que fala dos cidadáns. Non fala dos políticos, nin dos militares, senón que fala de como os cidadáns non vemos enleados en cousas incontrolables por nós e como estamos desprotexidos polo propio goberno. O que viña a denunciar esta BD é que os cidadáns, aínda que fagamos o que nos din os gobernantes, moitas veces estamos completamente a mercé do azar», advirte o tamén fundador e director de O Garaxe Hermético, a primeira escola profesional de cómic e ilustración de Galicia.

Repercusións económicas

Sen embargo, sinala que, mentres que na época na que se publicou esta obra a sociedade parecía estar máis concienciada do perigo nuclear, non ocorre o mesmo na actualidade. «Pero non só vive de costas con respecto ao perigo nuclear, senón incluso con respecto aos problemas da guerra en xeral. E iso que agora as guerras son moito máis cércanas a todos nós porque teñen repercusión a nivel económico, pero non unicamente a nivel de macroeconomía, senón a nivel de economía doméstica. Isto é algo que reivindica Briggs, que cando nos damos de conta xa é demasiado tarde», conclúe.