Pont-Up Store congregará as «startups» de base tecnolóxica máis innovadoras

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación da feira do emprendemento Pont-Up Store en Pontevedra
Presentación da feira do emprendemento Pont-Up Store en Pontevedra CEDIDA

A feira do emprendemento  presentará en Pontevedra 40 novas ideas de negocio a fin de semana do venres 20 e sábado 21 de setembro

13 jun 2024 . Actualizado a las 18:09 h.

A feira Pont-Up Store, o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular, presentou este xoves as liñas mestras da súa próxima edición, que presentará en Pontevedra 40 novas ideas de negocio a fin de semana do venres 20 e sábado 21 de setembro. No acto participaron a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández; o vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez; a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, que avanzou que «nesta edición terán especial protagonismo os modelos de negocio de base tecnolóxica que se mostrarán na Pont-Up Venture, unha nova modalidade de participación que se suma aos stands e as actividades demostrativas na configuración dun programa que tamén potenciará a innovación e a cooperación entre os axentes do ecosistema emprendedor».

Tres modalidades

Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades demostrativas dentro do programa; e participar na Pont-Up Venture, unha proposta que recolle as necesidades e demandas de toda unha xeración emprendedora e que se vai orientar a novas iniciativas empresariais do ámbito tecnolóxico

Esta actividade funcionará como un evento que reunirá en Pontevedra aos novos emprendementos máis innovadores para presentar as súas ideas de negocio ante mentores e inversores fomentando a innovación, o networking e o desenvolvemento de proxectos nun entorno colaborativo e dinámico. Este novo formato dará a oportunidade a seis proxectos de alcanzar vías de financiamento. Para conseguilo, terán que tentar convencer ao xurado composto por mentores e potenciais investidores cun pitch de 3 minutos e outros tres minutos respondendo preguntas.

Candidaturas ata o 5 de xullo

Tanto para esta modalidade como para participar con stand ou realizar unha actividade demostrativa, os emprendementos deben ter un percorrido de menos de 42 meses dende a súa creación. As candidaturas poderanse presentar ata o 5 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A selección basearase en criterios como a orixinalidade, innovacio?n e creatividade do proxecto; valor social, sustentabilidade, claridade e concrecio?n, potencial impacto econo?mico ou social, e capacidade de desenvolvemento futuro.

En total van ser seleccionados 40 emprendementos, o que en palabras de Figueroa, constitúe todo un reto nun momento marcado polo descenso de iniciativas empresariais.