
Sete grupos actuarán dende o venres na praza de Chousa
23 jul 2024 . Actualizado a las 17:02 h.Cando apenas faltan uns días para que os ritmos do Armadiña Rock comecen a soar despois do silencio do pasado ano, este martes presentouse a quince edición dun festival «que se identifica polo seu contido 100 % en galego e a pegada artesán que o caracteriza desde os seus inicios», destacaron dende a ACDeM Armadiña.
Foron o vicepresidente da asociación, Marcos Padín, e a socia e integrante da organización Sara López os que desglosaron os tres días do Armadiña Rock, cita que arrancará o venres con Festicultores Troupe (22 h.) e a Yaya DJ (0.30 horas). Xa o sábado, Lisdexia amenizarán dende as 13 horas a sesión vermú nunha xornada na que se programou a Sonoro Maxín (21 h.), Loita Amada (22.15 h.), Dios Ke Te Crew (23.30 h.), The Skarnivals (1 h.) e Quinkillada (2.30 h.). Pola súa banda, o domingo será Lontreira a encargada de poñer banda sonora á sesión vermú das 13 horas.
Os concertos, que son de balde, desenvolveranse na Chousa agas as sesións vermús que terán lugar na praza da Rualeira. Precisaron que se gozará «da música da banda Vides Novas mentras se brinda cunhas cervexas e uns vermús».
As actuacións compleméntanse con outras iniciativas, caso do octavo Concurso de Decoración Labrega e Mariñeira no casco histórico, os pasarrúas con Vacaloura Vermella ou Pandeireiteras do Ronsel ou o Armadiña Kids, que programou obradoiros e unha espectáculo de maxia, O Rei Midas, de Troula Animación.
Acampada na Reiboa
Dende a organización agradeceron a implicación de patrocinadores, veciñanza, colaboradores e mecenas, ao tempo que animaron ao afeccionados á música en directo a achegarse a Combarro para, deste xeito, «escoitar moi boa música en galego, marabillarse co entorno e facer moi bos amigos na zona da acampada da Seca».
En canto a zona de acampada, esta volve estar ubicada na Reiboa, a uns dez minutos andando da Chousa, e disporá de duchas e aseos, tamén adaptados para mobilidade reducida.