O Cidade de Lugo Fluvial, vencedor do Galego de Tríatlon por Equipos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

As dúas probas séniores femininas tan só contaron con participación do Triatlón Inforhouse Santiago
As dúas probas séniores femininas tan só contaron con participación do Triatlón Inforhouse Santiago MONICA IRAGO

Tras dous adiamentos, a cita de Vilagarcía contou con menos da metade dos conxuntos inscritos nun primeiro momento

30 sep 2024 . Actualizado a las 09:06 h.

O Tríatlon Concello de Vilagarcía celebrouse por fin na mañá de onte en Vilaxoán ao terceiro intento. Atrás, dous adiamentos que se deixaron notar no enorme baixón do número de equipos participantes nas seis categorías en competición, quedando en menos da metade dos algo máis de 80 inscritos en primeira instancia, para rematar con tan só 39 na media ducia de listaxes. Nas femininas do Campionato Galego de Tríatlon por Equipos e da proba Open, coa participación unicamente do Triatlón Inforhouse Santiago.

Así as cousas, a atención da carreira centrouse no Campionato Galego de Tríatlon por Equipos Masculino. Once foron os clubs participantes. O Cidade de Lugo Fluvial impúxose con autoridade, co seu cuarto deportista cruzando a meta en 56 minutos e 44 segundos logo de cubrir os 750 metros a nado no peirao de Vilaxoán, de cubrir os 20 quilómetros en bicicleta divididos en catro voltas a un circuíto entre a explanada do Preguntoiro e a entrada ao mercado de Vilagarcía de Arousa, e ao remate dos 5 quilómetros de carreira a pé por un circuíto por beiramar.

O Triatlón Inforhouse Santiago subiuse ao segundo chanzo do podio, superando xa, por moi pouco, a hora: 1.00,33, co Natación Pabellón Ourense terceiro en 1.01,45.

Na proba Open Masculina, os clubs participantes no Campionato Galego presentaron nove equipos b e c. E novamente, o Cidade de Lugo Fluvial levouse o gato á auga, neste caso, cun conxunto de veteranos que completaron o trazado en 1.06,14, polos 1.08,07 do Club Deportivo Delikia e os 1.09,35 do Club Triatlón Compostela, os seus compañeiros no podio.

O Tríatlon Concello de Vilagarcía serviu tamén de Campionato Galego de Tríatlon por Equipos da categoría Escolar. Aquí foron oito os conxuntos masculinos presentados, co Club Deportivo Delikia impoñéndose cun crono de 26.10, seguido do Triatlón Inforhouse, en 28,07, e do Club Olímpico de Vedra, bronce en 29,28. Outras oito escadras competiron no Autonómico Escolar Feminino, no que gañou o Club Triatlón Vilalba, cun crono de 30,17, co Club Natación Cedeira prata en 30,36 e co Triatlón Inforhouse Santiago pechando o podio en 30,44.