Campelo revive a festividade de Samaín cunha Corredoira do Terror e a Cova das Druídas

PONTEVEDRA

Poio estenderá a programación festiva dende este sábado ao 2 de novembro
23 oct 2024 . Actualizado a las 18:49 h.Xa comezou a conta atrás en Campelo para unha das festas máis terroríficas do ano, a de Samaín. Trátase, segundo destacaron dende o Concello de Poio, dunha «das celebracións referentes na provincia, que xa leva doce anos celebrándose e que, ademais, involucra a toda a veciñanza deste lugar». De feito, desde a Asociación de Mulleres Arela remarcaron este mércores que este é o gran logro desta cita, que conta coa participación de toda a veciñanza da contorna que «ven nesta cita unha oportunidade para dinamizar o lugar e espertar a creatividade», engadiron dende o goberno local.

Así, o alcalde Ángel Moldes e representantes da asociación, que tamén impulsa o concurso de microrrelatos Os misterios de Kam, desglosaron unha programación que arrancará xa este mesmo sábado cunha serie de obradoiros de cabazas, mentres que o domingo, 27 de outubro, desenvolverase unha sesión de cine.
Ata o 2 de novembro
Como é tradicional, o día grande será o do 31 de outubro coa instalación, na carpa da praza da Granxa, da Cova das Druídas e a Corredoira do Terror por parte de Nemeton Perfomances, que promete ser «grande, divertida e que combina tradición e modernidade», mentres que a xornada rematará cun espectáculo de lume a cargo de Perfomances de Lume. Ademais, se celebrará o tradicional Concurso de Chulas.

As actividades terán continuidade o 1 de novembro cunha sesión de contadas terroríficas e o día 2 co Truco ou Trato, un pataquiño para os defuntos.
Ángel Moldes, á vista desta programación, animou a grandes e pequenos «a pasar unha xornada zombi e de terror», ao tempo que incidiu que esta iniciativa «nace dos propios veciños e veciñas e que cada ano suma máis participantes. É unha cita imprescindible, unha festa que cada vez está máis presente no calendario das familias e o mellor lugar para gozala é no Samaín de Campelo».