Programouse a proxección do documental «Bravú XXX» e un concerto da Banda Xangai acompañada polas mozas de Rager
15 nov 2024 . Actualizado a las 18:43 h.A próxima edición do Culturgal, que se desenvolverá do 29 de novembro ao 1 de decembro, festexará o trinta aniversario do movemento bravú. Este xoves, o concelleiro Demetrio Gómez, acompañado da guionista Ana Viqueira, de Nós TV, do polifacético Xurxo Souto, de Gonzalo Maceira, coordinador do proxecto municipal Xeración Sónica, e de Camilo Franco, director do Culturgal, presentou este evento que se programou para xornada inaugural da feira das industrias culturais coa proxección do documental Bravú XXX e a posterior actuación da Banda Xangai acompañada polo talento das mozas de Rager.
O acceso é libre ata completar cabida, toda vez que só é preciso contar cunha entrada para a feira.
Neste punto, o edil de Cultura salientou o apoio do Concello ao audiovisual: «Estamos de lúa de mel co audiovisual en Pontevedra. Cando nos veñen visitar e nos traen producións audiovisuais estamos encantados». A este respecto, remarcou o feito de que a festa do bravú non mira só cara o pasado, senón que tamén o fai «cara o futuro que ten por diante a música e a cultura galega feita aquí e en todo o país».
Pola súa banda, Ana Viqueira recoñeceu que «para nós e para Nós TV é unha honra e toda unha responsabilidade», toda vez que o bravú «foi un punto de inflexión, non só na historia da música, senón tamén na historia da cultura e do país en xeral. Hai unha xeración que non se pode entender sen o movemento bravú. Para nós era importante empaparnos desa esencia, ser respectuosas co movemento» remarcou asegurando que «sempre tivemos claro que Pontevedra debía ser e é un dos puntos de arranque do documental. É o motor».
Xurxo Souto rememorou a orixe deste movemento cando «nos xuntamos hai trinta anos en Chantada un fato de grupos para por unha etiqueta do que estabamos facendo. Dicían en aquel momento que o galego non valía para o rock&roll e creamos unha dinámica de creatividade en colectivo que foi fascinante para nós, descoñecida para a xente máis nova. Este documental grazas a Rosabel e Nós, está activando moitas cousas bonitas».
Coincidiu en que «é unha proclama cara o futuro» remarcando o aspecto subversivo de que os músicos veteranos da Banda Xangai dialoguen nun espectáculo coas rapazas de Rager.