Encontro de Conservación e Restauración: dende a cama de madeira pintada de Tutankamon ata o barco de guerra insignia de Enrique VIII
PONTEVEDRA
A cita que se celebrará a finais de semana no Museo de Pontevedra aborda a madeira como soporte dos bens culturais
18 nov 2024 . Actualizado a las 15:49 h.A trece edición do Encontro de Conservación e Restauración reunirá no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a máis de 130 profesionais e estudantes relacionados coa restauración, os museos e as belas artes este xoves e venres. Nesta ocasión, a cita céntrase na madeira como soporte de bens culturais.
Deste xeito, organizadas pola Deputación de Pontevedra, a través do Museo, e pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, as xornadas contarán coa presenza de expertos na materia procedentes da National Gallery de Londres, o Museo do Prado, o Gran Museo de Exipto e outras institucións de referencia a nivel nacional e internacional. «No encontro abordaranse as particularidades do tratamento da madeira en pezas arqueolóxicas, esculturas, pinturas e elementos singulares como retablos, embarcacións ou cadaleitos», engadiron ao respecto.
En total, programáronse doce conferencias arredor do como coidar e intervir esta madeira. Entre os participantes, Mohamed Moustafa, conservador de artefactos de madeira do Gran Museo de Exipto, quen «explicará as investigacións e intervencións realizadas na cama de madeira pintada de Tutankamon, que se conserva nese museo do Cairo», ou David Pearson, director de conservación do Mary Rose, quen analizará «os métodos de conservación que se aplican ao barco de guerra insignia de Enrique VIII, construído no século XVI e que se conserva musealizado no porto inglés de Portsmouth».
Dende o Museo destacaron que «estes son dous exemplos da diversidade de usos da madeira nos bens culturais e dos enfoques variados que terán as conferencias desta edición». Así, de igual xeito, abordaranse as prácticas que realizan en pinturas sobre táboa na National Gallery de Londres e no Museo del Prado, intervencións que correrán a cargo de, respectivamente, Britta New e José de la Fuente. Pola súa banda, a conservación de obxectos arqueolóxicos centrará os relatorios de Luis Carlos Zambrano, do Museo de Cádiz, e do equipo galego formado por María Martín, Clara González, Carolina Pérez, Yolanda Porto e Olga Aguín.
Actuacións en arquitectura
No caso de intervencións en arquitectura e en elementos estruturais de edificios, estas serán impartidas por Manuel Touza, que abrirá o encontro falando dunha intervención no mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, e de Mayte Domínguez, que falará da actuación da Casa del Labrador, no Real Sitio de Aranjuez. Rosa Tera, de Batea Restauración, falará dos tratamentos empregados na estabilización de retablos.
Neste encontro tamén se abordarán aspectos técnicos, como o uso de masillas, os tratamentos contra termitas e a bioloxía da biodeterización de obxectos de madeira, con conferencias de Manuel Moragues, David Mora e Héctor Bolívar.