Culturgal revalida o seu atractivo e suma 12.700 visitantes en Pontevedra
PONTEVEDRA
O público infantil e xuvenil gozou cunha programación especial
02 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A terceira xornada de Culturgal revalidou e con nota o seu atractivo como lugar de encontro entre público de todas as idades e os artistas, nunha fin de semana na que a organización do evento calculou en 12.700 os visitantes que pasaron polo Pazo da Cultura de Pontevedra. O director desta cita anual, Camilo Franco, calificou de «moi positiva» a resposta do público a esta convocatoria, que cumpra xa 17 edicións e que serve para «poñer en contacto as diferentes culturas de Galicia e ampliar os horizontes, ao tempo que se atrae a novos públicos».
O obxectivo é ambicioso e por iso nas distintas salas do Pazo da Cultura unha ampla programación fixo que compartiran o protagonismo a literatura, a cultura dixital, a arte, a música, a ilustración, o teatro e o cine.
Na xornada de clausura desta Feira das Culturas Galegas, o público familiar gozou dunha importante relevancia, coa presentación de Bibopalula, a primeira serie de animación musical en galego, deseñada para nenos de tres a seis anos e creada por Laura e Andrés Mahía. O acto foi presentado polo actor Xosé Antonio Touriñán e contou coa presenza do conselleiro de Cultura, José López.
A segunda cita na área do cine foi A Nena e o Grilo Camiño das Cores, una proposta que arrasou entre o público asistente que encheu as máis de 400 localidades do auditorio.
Os cativos tamén gozaron dos espectáculos Quero Cantar e O rap sen APPS. Os máis pequenos tiveron, ademais, a First Lego League, obradoiros de maxia, restauración ou fotografía e as demostracións de viedoxogos.
Manuel Rivas
O Premio Nacional das Letras deste ano, Manuel Rivas foi entrevistado pola xornalista Susana Pedreira con motivo da presentación da súa última novela, Tras o ceo. Con este libro o autor «inicia un novo proxecto narrativo arredor da caza do home polo home e a depredación social e natural», segundo indicaron desde a organización de Culturgal. Rivas enfatizou que a novela fala de moitas extincións, entre elas, a do humor.
A poesía tivo o seu protagonismo co recital de Antón Reixa e Rompente, co poemario A balada do exilio. No ámbito literario aproveitouse Culturgal para presentar A gran final. Contos e contas do fútbol galego.
No espazo de arte leváronse a cabo performances e outras iniciativas e, ademais, o Festival Internacional de Cine de Bueu (FICBueu) ofreceu no pontevedrés Pazo da Cultura un adianto da súa programación para o próximo ano.
Asemade, o coreógrafo e percursionista vigués Artur Puga xuntou a ducias de visitantes nunha convocatoria aberta de baile popular, con gaiteiros e pandeireteiras, que fixeron vibrar o recinto feiral. A xornada rematou unha gran pandeirada, a cargo de Pandeiretas Bouba, promovida pola Real Academia Galega en homenaxe á designación desta especialidade musical para a conmemoración das Letras Galegas 2025.