As pezas pertencen á colección de Juan Manuel Alfaya Ocampo
08 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o vindeiro 9 de febreiro, o Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle a mostra É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo. Trátase dunha mostra conformada por 150 pezas dunha colección de máis de setecentos xoguetes antigos de fabricación española e internacional que este coleccionista redondelán e exmaxistrado da Audiencia de Pontevedra reuniu nos últimos anos.
As pezas expostas foron creadas entre os anos 1890 e 1960 e pertencen a marcas españolas tan destacadas coma Rico, Payá, Sanchís, Teixidó, Picó, Casanellas, Seix Barral, Sagarra, Mariquita Pérez e Jecsan. Tamén se poden contemplar exemplares producidoos por firmas doutros países, como Gunthermann, Lehmann, Fernand Martin, Arnold, Hess, Tecnos, Strauss, Distler, Bühler, Rossignol, Goso, Marx, Bonnet, Vebe, Lego, Joustra ou Matarazzo.
Dende o Museo de Pontevedra destacaron o feito de que «atopamos principalmente xoguetes de lata, pero tamén doutros materiais coma chumbo, cartón, madeira ou plástico». Neste punto, non dubidan en destacar os autómatas, «moitos deles centenarios», que reproducen con gran realismo sorprendentes movementos. De igual xeito, aludiron aos teatros, de marcas como Schreiber, Paluzie e Pellerin-D’Espinal.
«En definitiva, amósanse xoguetes para todos os gustos, habilidades e temperamentos», acotaron convencidos de que «esta mostra quere ser, desde o propio título, unha invitación a xogar dirixida ás nenas e nenos, pero tamén ás persoas adultas. É unha viaxe no tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores».
Mentres que os cativos «se sorprenderan coas cores, os materiais e o enxeño destes trebellos», as persoas maiores «recoñecerán xoguetes da súa infancia cos que quizais non puideron xogar no seu día. Esta é a súa oportunidade de volver vivilos».
Por outra banda, precisaron que as visitas guiadas son unha parte fundamental desta exposición, de tal xeito que será o propio Juan Manuel Alfaya quen as guíe cada mércores e cada venres ás 18 horas. Ademais, poderanse concertar fóra dese horario para escolas, asociacións ou grupos a partir de dez persoas co Museo.