Anxo Vidal aborda no Museo de Pontevedra os instrumentos científicos vinculados coa provincia

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MUSEO DE PONTEVEDRA

15 ene 2025 . Actualizado a las 17:17 h.

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá este venres, a partires das 19 horas, a conferencia Medir, observar, matar? Cíborgs científicos e a provincia de Pontevedra, na que o investigador e físico Anxo Vidal abordará os instrumentos científicos relacionados coa provincia de Pontevedra e, especialmente, do que nos ensinan sobre a relación entre o coñecemento científico e o seu contexto histórico, social, político, económico e cultural.

O propio Vidal precisou que «un ciborg é un ser cunha parte humana e outra tecnolóxica que se potencian mutuamente. Cada vez que interactuamos cun instrumento científico convertémonos, momentaneamente, nun ciborg con capacidades potenciadas, capaces de ver, escoitar ou facer o que sos non poderiamos».

De feito, nos últimos dous séculos, persoas, institucións e empresas da provincia deseñaron, usaron ou sufriron a acción de instrumentos científicos. Desde os instrumentos de medición topográfica utilizados polo portense Domingo Fontán na carta xeográfica de Galicia, ata o tóxico DDT producido na porriñesa Zeltia para o control de pragas agrícolas nos anos do franquismo, pasando polo teodolito do astrónomo lalinense Aller Ulloa. Dende o Museo de Pontevedra engadiron que a relación humano-máquina produce coñecemento científico, transfórmanos e transforma o mundo no que vivimos.