Santiago Gamboa acude ao Museo para unha charla antesala de Pontevedra Literaria

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ANGEL MANSO

20 ene 2025 . Actualizado a las 17:44 h.

Como antesala da segunda edición do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que celebrará a súa segunda edición no mes de outubro, a Deputación de Pontevedra organiza o próximo 31 de xaneiro unha charla co escritor colombiano Santiago Gamboa. Este encontro desenvolverase na zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ás 19.30 horas, de tal xeito que xa está dispoñible no sitio web da Deputación o formulario de inscrición para asistir de balde a esta actividade.

Dende a entidade provincial destacaron o feito de que Gamboa «é un escritor, filólogo, columnista, correspondente, xornalista e diplomático colombiano» que «estudou Literatura na Universidade Javeriana de Bogotá e posteriormente trasladouse a España, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid». Posteriormente mudouse a París, onde cursou estudos de Literatura Cubana na Universidade Sorbona debutando como novelista con Páginas de vuelta, coa que «despuntou como unha das voces máis innovadoras da nova narrativa colombiana».

De igual xeito, resaltaron que outras das súas obras máis salientables son Perder es cuestión de método, que lle «supuxo o recoñecemento da crítica internacional e que foi levada ao cine por Sergio Cabrera, Vida feliz de un joven llamado Esteban, Los impostores, El síndrome de Ulises, Será larga la noche ou Colombian Psycho.

Ademais desta charla, a Deputación de Pontevedra ten previstas outras actividades complementarias ao encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes co obxectivo de poñer en valor o talento artístico da mocidade da provincia. Así, programaranse obradoiros literarios ou a publicación dos textos gañadores da categoría de traballo literario breve das oito edicións dos Premios Provinciais á Xuventude.