Pontevedra, primeira parada da exposición «Outras historias posibles»
![Alfredo López Penide](https://img.lavdg.com/sc/NKpMGimiaSDk5tloIymUM6TzPsk=/75x75/perfiles/175/1623322863108_thumb.jpg)
PONTEVEDRA
![](https://img.lavdg.com/sc/_eI2gGmw_NzCdgp6Z9B3hOAl6hk=/480x/2025/01/24/00121737721861358958491/Foto/PE25C2F2_132957.jpg)
A mostra pechará a súa estadía no Gaiás este domingo para logo desenvolverse no Café Moderno
24 ene 2025 . Actualizado a las 15:01 h.Trala clausura este domingo da exposición Outras historias posibles no Museo Gaiás, a mostra que «reclama para as novas xeracións o talento de seis mulleres que despuntaron a finais do pasado século XX na arte contemporánea feita en Galicia» iniciará a súa xira por diferentes centros culturais da xeografía galega. Deste xeito, a primeira parada será no Café Moderno en Pontevedra grazas á colaboración entre a Xunta e Afundación.
A exposición, que se pechará na Cidade da Cultura tras recibir máis de 56.000 visitas, está comisariada pola profesora e investigadora da Universidade de Vigo, Susana Cendán, co obxectivo de celebrar a diversidade do talento de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva y Laura Terré. Deste xeito, pinturas, esculturas, xilografías e debuxos configuran un percorrido que permite apreciar o devir de cada unha destas artistas, sen obviar o impacto do contexto social e persoal nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.
![](https://img.lavdg.com/sc/0-MjZIhSO5fo5YoHjBd9EXFQoOM=/480x/2025/01/24/00121737721922984590121/Foto/PE25C2F2_133053.jpg)
Así, e segundo precisaron dende a Consellería da Cultura, a maternidade, os roles de xénero ou mesmo as correntes dominantes no mercado e na crítica artística da época son aspectos que Outras historias posibles integra e fai explícitos, desbotando o mito do xenio-artista individual. A este respecto, e segundo engadiron, a pluralidade do talento móstrase a través das «pinturas cosidas con coiro de Tusi Sandoval, nos xogos coa nosa percepción dos óleos e debuxos de Anne Heyvaert, no compromiso social contracorrente de Laura Terré, no explosivo uso da cor de Ana García Pan, no anhelo de plasmar os soños de Blanca Silva e na constante experimentación co material cerámico de Emilia Guimeráns».
De igual modo, «tamén nas entrevistas realizadas especificamente para a mostra, que revelan a diversidade de intereses vitais e profesionais destas seis creadoras extraordinarias».
Catálogo do proxecto
Neste punto, destacaron «o exquisito traballo de revisión e contextualización» levado a cabo por Susana Cendán, que se aprecia, «non só na coidada selección das pezas e entrevistas, senón na edición do catálogo que acompaña o proxecto. Unha obra que engade, desde o rigor, enriquecedores relatos e referentes ao discurso hexemónico da historia da arte contemporánea galega».
![](https://img.lavdg.com/sc/0pdaWXwoYKzraIMKmGbBISBn7Wk=/480x/2025/01/24/00121737721922400166999/Foto/PE25C2F2_133024.jpg)
Dende a Consellería teñen claro que as 56.000 visitas recibidas por Outras historias posibles seguirá medrando coa itinerancia, ao tempo que encadraron o éxito da mostra «nun ano no que o Gaiás acadou seu récord de visitas ao sumar máis de 261.000 persoas entre o seu programa expositivo e actividades culturais, debido ao pulo das exposicións Tesouros Reais, Unha vida viquinga e Tattoo. Arte baixo a pel.